O secretario xeral urxe á Xunta “políticas de discriminación positiva” para fomentar o uso do galego entre a mocidade e “medidas de apoio” ao sector cultural para recuperar a actividade trala covid
Santiago, 17 de maio de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, encabezou hoxe a delegación socialista que asistiu á manifestación convocada para reivindicar o galego no Día das Letras.
Dende alí, o líder dos socialistas galegos aludiu aos informes que alertan dunha caída no uso da lingua propia entre a mocidade para requirir á Xunta “políticas de discriminación positiva” que permitan que “os nosos nenos e as nosas nenas poidan ver televisión e cine, ler ou xogar a videoxogos en galego”.
“Para o futuro do galego é fundamental que os nenos e as nenas queiran a lingua, sintan agarimo pola lingua, teñan paixón polo galego”, remarcou Gonzalo Caballero, partidario de “impulsar” o uso da lingua dende a administración autonómica.
“Porque a nosa lingua é un valor común, o noso xeito de entender o país”, recalcou o responsable do PSdeG, antes de reivindicar “máis galego”. “É unha lingua que nos comunica co mundo, coa xente que fala portugués, totalmente compatible cunha visión cosmopolita”, defendeu, para reclamar que “nun momento no que hai máis medios para impulsar o uso do galego, non podemos permitir que existan retrocesos”.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero sinalou que “a crise da covid pon en cuestión moitos avances na economía do sector cultural e das letras”, polo que a Xunta ten que levar a cabo “medidas de discriminación positiva que apoien e estimulen ao sector cultural galego” e permitan “recuperar o nivel de actividade que existía incluso antes da crise do 2008”.
Ademais, o dirixente socialista destacou a necesidade de poñer en valor “o papel das mulleres na nosa lingua e nas nosas letras”. “Dende Rosalía a Xela Arias”, remarcou.