O alcalde de Vigo denuncia que a Xunta destinou “cero euros” aos municipios polos gastos extra da covid a pesares dos 750 millóns de euros consignados polo goberno para a administración autonómica
O líder do PSdeG advirte que “a estratexia de propaganda” de Feijóo cos proxectos europeos pode levar a “un mal resultado” e require “acordos de país”
O voceiro do PSdeG no Parlamento, Gonzalo Caballero, interveu hoxe na comparecencia do presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, na comisión para a reconstrución de Galicia tralo paso da covid.
Nese foro, Gonzalo Caballero reclamou á Xunta que dispoña “máis fondos” para os municipios, á vista do traballo que están levando a cabo na loita contra a pandemia.
O presidente da FEMP afondou nesta cuestión logo de denunciar que o goberno galego destinou “cero euros” aos concellos por vía extraordinaria. En cambio, sinalou, o executivo presidido por Pedro Sánchez consignou para a Xunta un total de 750 millóns de euros.
Outra cuestión na que fixo fincapé o máximo dirixente do PSdeG é na “falla de transparencia” da Xunta á hora de proporcionar información aos concellos relativa ao número de contaxios. O “escurantismo” do goberno galego é “inmenso”, corroborou Abel Caballero, quen indicou que os primeiros datos que recibiu o Concello de Vigo foi “a semana pasada”.
Ademais, avogou por incrementar o número de PCR que se están programando, así como por reforzar a cantidade de rastrexadores do Sergas.
FONDOS PARA A RECONSTRUCIÓN
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG preguntou ao comparecente se recibiu algunha información da Xunta en relación cos proxectos europeos publicitados por Feijóo e dos que a Cámara galega non recibiu ningunha documentación.
“Nin información nin coordinación”, resumiu o alcalde e tamén presidente da Zona Franca de Vigo na súa resposta, polo que Gonzalo Caballero reclamou “acordos de país” para acadar fondos comunitarios. “A estratexia de propaganda de Feijóo cos proxectos europeos pode levar a un mal resultado”, advertiu.