“O goberno progresista sacou a Franco do Val dos Caídos e recuperou o Pazo de Meirás, pero o PP nunca sumou en ningún destes procesos cando gobernaba”, recorda
O líder do PSdeG reclama que o pazo “ten que ser a bandeira da recuperación da memoria democrática” e subliña que “fiámonos o xusto de Feijóo” neste eido
Santiago, 9 de decembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou a “xornada histórica” que terá lugar mañá coa recuperación do Pazo de Meirás para a cidadanía grazas ao “solvente” traballo xurídico levado a cabo pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a vicepresidenta primeira do goberno progresista.
“Co goberno de Pedro Sánchez, Meirás pasou ao público. Con Feijóo e con Rajoy, a familia Franco seguiría veraneando no pazo”, remarcou o líder do PSdeG, quen subliñou que o executivo progresista é “unha garantía” na defensa da memoria democrática mentres “o papel do PP é máis cuestionable” neste eido.
De feito, o máximo dirixente dos socialistas galegos incidiu en que o goberno presidido por Pedro Sánchez conseguiu a finais da pasada lexislatura sacar a Franco do Val dos Caídos e agora recuperar o Pazo de Meirás para a cidadanía, “pero o PP nunca sumou en ningún destes dous procesos cando gobernaba”.
Precisamente por iso, Gonzalo Caballero puxo en valor que o goberno de España leve “o temón” da recuperación do Pazo de Meirás no camiño de convertelo “nunha bandeira, nunha referencia da recuperación da memoria democrática, e non un lugar de exaltación do franquismo e da ditadura”.
“FIÁMONOS O XUSTO”
Ao fío diso, Gonzalo Caballero ironizou con que “alégranos que agora Feijóo se sume a celebrar que o Pazo de Meirás pase a mans do público”, pero deixou claro que “fiámonos o xusto de Feijóo” neste eido.
“Queremos que o pazo cumpra unha función fundamental de recuperación da memoria democrática”, subliñou o tamén voceiro parlamentario do PSdeG, quen avalou tamén a posta en valor da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.
Así, chamou a estudar as distintas posibilidades de xestión do inmoble, máxime á vista de que a sentenza non é firme, senón que aínda cabe recurso por parte da familia Franco.