O secretario xeral reclama medios para o acceso ao ensino telemático ante a “fenda dixital” que existe en Galicia e medidas de reforzo para o alumnado con diversidade funcional
Santiago, 22 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que o aprazamento das oposicións docentes “chega tarde”, despois de semanas de reclamacións por parte das forzas políticas e tamén dos propios opositores ante a “evidencia” de que en xuño non se podería concentrar a milleiros de persoas para facer un exame.
“Pedímosllo varias veces”, recordou Gonzalo Caballero durante a comparecencia da conselleira de Educación ante a Deputación Permanente, ao tempo que apuntou que o propio Feijóo sinalaba o domingo pasado que tentaría manter o calendario previsto.
Neste escenario, o líder dos socialistas galegos recalcou “a falta de rumbo e de orientación” da política educativa de Feijóo, que se amosou tamén na “improvisación” de obrigar inicialmente a parte do persoal a acudir aos centros ou na escaseza de medidas para favorecer a ensinanza telemática.
Precisamente por iso, Gonzalo Caballero reclamou á Xunta “abandonar o discurso da finxida anticipación”, porque o goberno galego só impulsou un peche “optativo” das aulas o venres no que o goberno de España anunciou o decreto de estado de alarma.
Así pois, o máximo dirixente dos socialistas galegos reivindicou o compromiso do PSdeG coa educación pública e pediu poñer “as luces de largo prazo” para afrontar esta situación. “Non se pode vivir no mundo da indefinición”, recalcou Gonzalo Caballero, e volveu pedir un posicionamento claro sobre como deseña a Xunta a conclusión do curso escolar.
MEDIDAS
Así as cousas, tras sinalar que existen “moitas dificultades” de conexión a causa da “fenda dixital” existente -Galicia é a segunda comunidade pola cola de España en taxa de cobertura de internet de alta velocidade-, Gonzalo Caballero chamou a dotar de medios ao alumnado para que poida acceder á ensinanza online.
Do mesmo xeito, o voceiro parlamentario socialista requiriu que as primeiras matrículas da universidade sexan gratuítas, liberar ás familias da carga dos libros de texto volvendo aos materiais sen custe e deseñar un programa específico para o reforzo educativo dos alumnos con diversidade funcional.