O secretario xeral advirte que Feijóo “volve errar” ao opoñerse ao estado de alarma mentres amosa que “non ten os deberes feitos” cos centros de día e de discapacidade
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, alertou hoxe dos “tics autoritarios” dun Feijóo “máis preocupado da súa imaxe e a convocatoria electoral que por tomar medidas fronte á crise sanitaria, social e económica” ocasionada pola covid-19.
Así o dixo o líder dos socialistas galegos despois de que Feijóo anunciase onte que está buscando unha data para celebrar as eleccións, unha cuestión da que “non trasladou nada” aos partidos, a pesares do acordo das distintas forzas políticas para aprazar os comicios galegos e manter ao goberno galego cun compoñente de interinidade.
De feito, Gonzalo Caballero recordou que ese acordo, “firmado por Feijóo” e publicado no Diario Oficial de Galicia, establece que a convocatoria se producirá “unha vez superado o estado de alarma e a emerxencia sanitaria”.“Se alguén quere saltar os acordos terá que explicar ese golpe de man”, remachou.
Nese escenario, e ante a imposibilidade de que “un informe técnico ou científico poida prever o risco de rebrote nunha semana ou outra neste verán”, o máximo dirixente do PSdeG instou a Feijóo a “non utilizar a axenda política de xeito lixeiro e irresponsable” e a centrar todos os esforzos na loita contra a pandemia.
“FEIJÓO VOLVE ERRAR”
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero evidenciou que Feijóo “volveu errar” ao opoñerse ao estado de alarma, que é “a garantía” para unha desescalada segura, e ao manter a estratexia de confrontación co goberno de España mentres desatende as súas competencias. “Prefire poñer paus nas rodas”, observou.
“Esa estratexia de confrontación e de falla de compromiso co público”, como o definiu Gonzalo Caballero, estase a demostrar “moi pouco útil para resolver os problemas das galegas e dos galegos e para avanzar na desescalada”.
Ao fío disto, apuntou que Feijóo amosou que “non tiña feitos os deberes” en materia de persoal e de protección nos centros de día e de atención á discapacidade. “Non traballa para garantir a saúde e atender ás súas responsabilidades, senón para a estratexia da confrontación”, incidiu, e requiriu “dilixencia, protocolos e garantías” para ter prevista a apertura destas infraestruturas en canto sexa posible.
Ao respecto, o líder do PSdeG criticou a negativa da Xunta a que compareza a conselleira de Política Social no Parlamento para dar conta desta circunstancia e tamén dos contaxios nas residencias de maiores.
“A Xunta non pode estar desaparecida onde ten competencias”, remarcou o secretario xeral do PSdeG, crítico con que Feijóo “utiliza” o Parlamento ao servizo do PP mentres “agocha as súas responsabilidades na elevada taxa de contaxios nas residencias de maiores ou entre os profesionais sanitarios derivada da xestión do goberno galego”.
“FEIJÓO TEN QUE DAR EXPLICACIÓNS”
Finalmente, Gonzalo Caballero fixo alusión á entrevista do narcotraficante Marcial Dorado nunha televisión nacional este domingo para falar da súa amizade de case unha década con Feijóo.
“Amósase que as explicacións dadas por Feijóo non son reais”, reprobou, e urxiu a Feijóo “unha explicación veraz a Galicia” dada a “gravidade” de que mantivera unha amizade con quen “é un dos capos do narcotráfico máis importantes de Europa” e de quen se comprobou que tiña 70 millóns de euros en paraísos fiscais e en Suíza.
“Estes feitos deberían ter un elemento punitivo nunha sociedade democrática avanzada”, engadiu Gonzalo Caballero, consciente de que ao inicio da súa relación de amizade Feijóo xa era un alto cargo da Xunta e Dorado xa protagonizara portadas e páxinas de xornais pola súa actividade no contrabando de tabaco e no narcotráfico.
Xa pasara, dixo, a Operación Nécora, e en Galicia collía cada vez máis forza o movemento das ‘Nais contra a Droga’. “Toda Galicia sabía que Dorado era un dos narcos máis importantes de España e de Europa”, recordou, ao tempo que rexeitou que Feijóo trate de “enganar á opinión pública” cun relato “falaz” desa relación.