O secretario xeral advirte que o PP está cometendo “os mesmos erros” que cando hai 15 anos saía á rúa contra a lei do matrimonio homosexual
Ourense, 9 de febreiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe na presentación dos candidatos socialistas ás alcaldías dos 18 concellos que conforman a bisbarra de Ourense, un foro no que asegurou que “estamos en condicións de dar o mellor fronte ao pasado que representa o PP”.
O PP que, como dixo o líder dos socialistas galegos, está “nun xiro á dereita” que o leva “de camiño a ningunha parte”. “Hai 15 anos saía a manifestarse contra a lei que permitía casarse a persoas do mesmo sexo, pero non lle serviu para gañar eleccións”, recordou, e concluíu que agora “volve caer nos mesmos erros” coa protesta convocada para mañá en Madrid e á que asistirá Feijóo.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero ironizou coa “tarefa moi importante” que levou ao presidente da Xunta a Miami, que abandonou rapidamente “cando Casado tocou o silbato” e impuxo ir a Madrid para “estar coa ultradereita”. “Feijóo abandonou a axenda de goberno para poñerse ao servizo de Vox e de Casado”, reprobou.
Mentres se produce esa manifestación na capital de España, proseguiu o secretario xeral do PSdeG, os e as socialistas galegos “estaremos en Santiago defendendo un sistema de sanidade pública, gratuíta e de calidade”. “Imos seguir traballando por un cambio en positivo ao servizo dos galegos e das galegas”, engadiu.
“ASCENSO” NAS MUNICIPAIS
En clave municipal, Gonzalo Caballero vaticinou que nas eleccións haberá “un ascenso” do PSdeG fronte ao “retroceso” que terá o PP, que perderá a alcaldía da única cidade na que goberna, a de Ourense.
“Os socialistas, cun proxecto progresista, de esquerdas e galeguista, estamos facendo unha grande alianza con esa maioría de galegos que non se quere resignar ás políticas do PP de Feijóo”, finalizou o secretario xeral.
PRESENTACIÓN DOS CANDIDATOS
O acto de hoxe serviu para que os candidatos ás distintas vilas da comarca ourensana presentasen os seus proxectos de cara ás vindeiras municipais, tanto no caso dos que xa son alcaldes como dos que non.
Precisamente Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial e alcalde de Amoeiro, avanzou que os resultados desta comarca serán “o motor de cambio” para retirar a Baltar da presidencia da Deputación. Pola súa banda, o aspirante á alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, chamou a traballar para “dar un cambio” á capital da provincia.
Tamén tomaron a palabra Zaida Rodríguez, de Allariz; Segundo González, de Baños de Molgas; Xosé Carlos Valcárcel, de Barbadás; Manuel Rodríguez, de Coles; Víctor Manuel Pérez, de Esgos; Francisco Xavier Oviedo, de Maceda; Óscar Sánchez, de Nogueira de Ramuín; José Manuel Rodríguez Carrera, de Paderne de Allariz; Jorge Gutiérrez, do Pereiro de Aguiar; Antonio González Fiuza, da Peroxa; Bibiana Iglesias, de San Cibrao das Viñas; Álvaro Vila, de Taboadela; María Alida Iglesias, de Toén; María de los Ángeles Rodríguez, de Vilamarín; Bieito Ledo, de Xunqueira de Ambía; e José Carlos Rivera, de Xunqueira de Espadanedo.