O portavoz do Grupo Socialista advirte de que “non queremos estar en xaneiro tendo que aplicar medidas restritivas de enorme calado por non ter feito os deberes no Nadal”
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe á Xunta que prepare a chegada da sexta onda do coronavirus “con protocolos, coa defensa e aposta pola sanidade pública e co apoio ao sector da hostalería”. O responsable socialista sinalou que “non queremos estar no mes de xaneiro tendo que aplicar medidas restritivas de enorme calado por non ter feito os deberes no Nadal”.
O parlamentario socialista emprazou ao presidente da Xunta a evitar os erros da súa campaña de “salvar o Nadal” do ano pasado, que disparou a incidencia da covid en Galicia no mes de xaneiro, polo que ofreceu a “man tendida dos socialistas galegos” para tomar as medidas necesarias. Esixiulle ao mesmo tempo que “non baixe a garda” diante dos riscos pola chegada da sexta onda e que se preparem os protocolos axeitados.
Sinalou en primeiro lugar a decisión “desacertada” de Feijóo de “non terlle renovado os contratos a máis de 500 profesionais sanitarios de reforzo que xa non están no Sergas”, mentres o goberno galego se enreda nunha estratexia de “maquillar as cifras”.
Manifestación en Valdeorras
Gonzalo Caballero emprazou ao goberno galego a escoitar as demandas en defensa da sanidade pública dende tódolos sectores sociais, como a manifestación desta pasada fin de semana en Valdeorras. Criticou que o conselleiro de Sanidade dixera no Parlamento que as protestas contra a privatización e os recortes na sanidade por parte do goberno galego supuñan desprestixiar o sistema público.
Confirmou que os socialistas galegos apoiarán estas protestas e anima a defender a sanidade “en cada recuncho do país”, seguindo o exemplo de protestas que conseguiron frear o peche do Paridoiro no Hospital de Verín ou reverter o recorte de determinados servizos. Ademais reivindicou apoio ao sector da hostalería, o primeiro afectado polas novas restricións diante do incremento de casos e fronte á chegada dunha nova variante do virus.