O secretario xeral urxe a Feijóo a “dar solucións” logo de que Aznar privatizara a autoestrada e aumentara 25 anos a concesión e de que Rajoy vetara a transferencia da AP-9 a Galicia
O voceiro socialista subliña que o PP e o BNG quedaron “descolocados” logo de opoñerse aos orzamentos do Estado que rebaixan a AP-9 porque “o 77% dos galegos apoian esa decisión do goberno de España”
A voceira de Infraestruturas acusa a Feijóo de “terxiversar a realidade” ao falar dunha sentenza xudicial que vén derivada da xestión do goberno do PP para acusar en falso ao executivo progresista
Santiago, 24 de febreiro de 2021. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, interveu hoxe no pleno da Cámara para demandarlle a Feijóo que explique se pensa “contribuir a reparar as responsabilidades do PP” no relativo á AP-9 avaliando a posibilidade de que a Xunta bonifique os traxectos de ida nos que o goberno presidido por Pedro Sánchez bonifique a volta.
“Os gobernos de Aznar e de Rajoy deixáronnos aos galegos e ás galegas un regalo envelenado coa AP-9”, sinalou o líder dos socialistas galegos, antes de requirir a Feijóo “comprometerse a ser parte da solución” dunhas peaxes tan “abusivas” para boa parte da cidadanía galega.
“Percorrer a AP-9 supón máis de 22 euros”, exemplificou Gonzalo Caballero, antes de apelar ao “compromiso” de todos para “dar solución” a este feito. Sobre todo, como dixo, porque “mentres outras autoestradas da mesma época xa están levantando as peaxes”, a Autopista do Atlántico terá que agardar ata 2048 porque así o decidiu Aznar e o PP.
“Se non fora polo PP, dentro de dous anos xa non habería peaxes na AP-9”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, incidindo en que o goberno de Aznar engadiu “25 anos máis” destes pagos a Audasa tras decidir a súa privatización, como recoñeceu Ana Pastor sendo ministra de Fomento.
Por todo isto, Gonzalo Caballero subliñou que “é hora de tomar decisións” e de que a Xunta coopere co goberno presidido por Pedro Sánchez, que está traballando para transferir a AP-9 a Galicia -logo dos “vetos” ao seu traspaso na etapa de Rajoy- e para bonificar as peaxes ata a fin da concesión, en 2048.
BONIFICACIÓNS AUTONÓMICAS
Dado que restan aínda 27 anos de peaxes pola AP-9 “por responsabilidade do PP”, o secretario xeral do PSdeG amosou a súa disposición a “colaborar” coa Xunta para estudar as posibilidades de facer rebaixas de peaxes, incluindo a posibilidade de introducir bonificacións autonómicas.
“Outras comunidades, como Aragón, Cataluña, Andalucía ou A Rioxa, aprobaron rebaixas en autoestradas estatais”, indicou Gonzalo Caballero, consciente de que Feijóo “nada fixo” para reducir o custe da AP-9 nos seus 11 anos como presidente da Xunta.
Ademais, recordou que o PP e o BNG “erraron” ao opoñerse aos orzamentos do Estado que introducen bonificacións nas peaxes da AP-9 por máis de 63 millóns de euros. “Quedaron descolocados, porque o 77% dos galegos apoian esa decisión do goberno socialista”, remachou.
“O PP ten que recoñecer os seus erros e contribuír a dar solucións”, apostilou o responsable socialista, para preguntar a Feijóo se “está disposto a bonificar as viaxes de ida onde o goberno de España bonifique o traxecto de volta”.
“TERXIVERSA A REALIDADE”
Nun debate posterior, a portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, acusou ao presidente da Xunta de “terxiversar a realidade” ao presentar na sesión de control de hoxe unha sentenza xudicial a favor da concesionaria e provocada polas “decisións dun ministro do PP”. No debate dunha proposición non de Lei do PSdeG, censurou que intente facer pasar esta sentenza como unha decisión do actual goberno.
Otero explicou que o papel presentado hoxe polo presidente da Xunta en realidade responde a unha sentenza xudicial provocada pola decisión do anterior Executivo de “deixar sen pagar á empresa”. Preguntoulle ao presidente da Xunta neste sentido “se está a pedir que o Goberno non acate as resolucións xudiciais”
A parlamentaria socialista fixo estas aclaración no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que coopere co Estado para acadar a transferencia e que explique se contribuirá ás rebaixas das peaxes ata 2048. A proposta, que foi rexeitada polo PP, incluía recoñecer a incorporación de 63,2 millóns nos Orzamentos para bonificar as peaxes.
A responsable socialista lamentou que co rexeitamento a esta iniciativa “quedamos sen saber se a Xunta vai colaborar co goberno de España para bonificar as peaxes”. Puntualizou que “se se quere, pódese, como xa fixeron outros gobernos autonómicos”, antes de citar as bonificacións aprobadas por A Rioxa, Cataluña, Andalucía ou Aragón.
Lamentou que nin PP nin BNG teñan apoiado os Orzamentos Xerais para 2021, que incluían a bonificación ás peaxes, logo de que os primeiros “nada fixeran” para acadar esta rebaixa ata a chegada de Pedro Sánchez, e que no caso dos nacionalistas supón rachar “de facto” o acordo de investidura. Preguntou neste sentido “como pretendían bonificar as peaxes sen uns Orzamentos aprobados enriba da mesa”.
Lembrou que o propio Feijóo era conselleiro de Obras Públicas cando Aznar decidiu privatizar a AP-9, o mesmo Aznar que prorrogou a concesión ata 2048, e que nada dixo cando Rajoy e Ana Pastor bloqueaban o debate da transferencia no Congreso. Criticou que descubrira a transferencia da AP-9 só dende a chegada do PSOE ao goberno de Madrid, logo de anos de goberno de Rajoy nos que podía reclamar a competencia a través dunha Comisión de Transferencias que nunca pediu.