Lamenta que a Xunta “prefira actuar como balón de osíxeno para Ayuso e Casado” votando contra as medidas para frear a expansión da covid, mentres non da toda a información e datos sobre o que sucede en Ourense
Insta á Xunta e ao Goberno central “a manter unha acción conxunta” para obrigar a Alcoa a reverter a súa posición de non vender a empresa e traslada “todo o apoio” aos traballadores de Alcoa en folga
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou este luns a Feijóo a “deixar as escusas e o escapismo e poñerse a gobernar”, xa que, logo de meses nos que non preparou o inicio do curso escolar nin reforzou a atención primaria, agora anuncia que non terá os orzamentos da Xunta “en tempo e forma”.
“Queremos pedirlle a Feijóo que goberne, comprometeuse a gobernar dende o primeiro día despois do 12 de xullo pero non o fixo”, criticou o líder socialista ao tempo que fixo fincapé en que, nesta situación, cómpren uns orzamentos con medidas para “protexer á xente” neste contexto de crise.
Ao fío disto, Gonzalo Caballero reprobou que o goberno galego non teña formuladas unhas liñas estratéxicas que sirvan como base para desenvolver os orzamentos da Xunta, o que amosa que “non fixo os deberes” tampouco neste eido.
En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG esixiu a Feijóo que traballe tamén na preparación de proxectos que poidan optar a fondos europeos. “Gobernar é máis que poñer escusas ou botar culpas”, recordou, incidindo na importancia de obter recursos para tomar medidas a prol da cidadanía.
“TRANSPARENCIA” NA COVID
Por outra banda, Gonzalo Caballero lamentou a postura “irresponsable” da Xunta ao votar en contra, no Consello Interterritorial de Saúde, dos criterios definidos para tomar medidas de contención do virus en toda España.
“Atopámonos con que a Xunta preferiu actuar como balón de osíxeno para Ayuso e Casado en vez de priorizar a defensa da saúde”, subliñou o líder do PSdeG, ao tempo que denunciou a “opacidade” con que está actuando o goberno galego no relativo aos datos e información por concellos. “Fai falla información continua, concreta e detallada”, recalcou.
De feito, subliñou que “esta falta de información” púxose de manifesto co acontecido estes días en Ourense, onde se anunciaron “restricións da mobilidade e do dereito de reunión dun día para outro”. “Queremos que se tomen todas as medidas para garantir a saúde, pero temos que esixir que se dea a información pormenorizada e os datos relevantes para que todas as autoridades poidan traballar contra a pandemia e contra o virus”, destacou.
“O mesmo goberno da Xunta que vota en contra das decisións para tomar medidas en Madrid oculta os datos en Galicia”, incidiu o responsable socialista, quen reclamou “coñecer a realidade dos contaxios para poder ter unha posición de país”.
“ACCIÓN CONXUNTA” EN ALCOA
Na súa comparecencia ante os medios, Gonzalo Caballero aludiu á situación de Alcoa, precisamente na xornada na que os traballadores inician unha folga indefinida, trasladoulles “todo o apoio”.
A respecto da factoría, o líder do PSdeG instou a manter unha “acción conxunta” da Xunta e o Goberno central para “obrigar” a Alcoa a reverter o seu “veto” á venda da planta de San Cibrao. “Estamos nas xornadas decisivas” do pulso contra a empresa, recalcou, e por iso toca, subliñou, “manter a estratexia conxunta e aumentar a presión contra unha multinacional que debe saber que se quere pechar terá fronte a ela a todas as administracións”.
“O Goberno está traballando con toda a forza do aparato do Estado”, asegurou o socialista, ao tempo que cualificou de “avance moi significativo” a disposición da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) de adquirir a planta para posteriormente poder vendela a Liberty House.
Ademais, asegurou que o Executivo estatal “está traballando en todas as vías posibles de intervención dentro dos límites do marco legal”. Un traballo que, agora si, salientou Caballero, “se está a facer de forma conxunta coa Xunta que, tras as eleccións, deixou as zancadillas e Feijóo entendeu que o presidente de Alcoa en España non era o mellor socio”. “Toca priorizar o emprego e conseguir permitir a entrada do inversor, para o que hai que contemplar todas as medidas de intervención e presión que sexan compatibles co respecto á lei e o interese xeral”, concluíu.