O secretario xeral do PSdeG rexeita “a estratexia de confrontación do PP co goberno de España”
Santiago, 30 de setembro de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reprochou hoxe á Xunta que antepoña os seus intereses partidistas á protección da cidadanía fronte á covid, e prefira aparecer “da man de Ayuso” intentando bloquear as medidas de contención da pandemia.
“Feijóo ten que aclarar por que prefire seguir na estratexia de confrontación do PP co goberno de España no canto de amparar a toma de decisións para frear a propagación do virus”, remarcou o líder dos socialistas galegos, á vista de que só se opoñen ás novas medidas comunidades dirixidas polos populares e Cataluña.
Así o dixo logo da negativa da Xunta a apoiar que se restrinxa a mobilidade nas cidades con máis de 500 contaxios por cada 100.000 habitantes, un índice de ocupación superior ao 35% nas UCI e máis dun 10% de positivos nas PCR, unha situación que non afectaría a ningún dos concellos galegos, nin sequera a aqueles que no día de hoxe teñen restricións impostas pola Xunta.
Nun contexto no que a grave situación de Madrid “preocupa a toda España” pola mobilidade en torno á capital, é “fondamente alarmante” que Feijóo prefira “seguir os ditados do PP de Casado e Ayuso” antes que ampliar as medidas de contención. “Isto non é un xogo”, advertiu.