O secretario xeral participa no pincho de Nadal do partido na provincia de Lugo e avanza que “imos dar o mellor de nós mesmos para liderar a maioría social de progreso nas autonómicas”
Lugo, 28 de decembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe no pincho de Nadal organizado polo partido na provincia de Lugo, dende onde aproveitou para felicitar as festas e desexar que o 2020 sexa “o ano do cambio en Galicia”.
“Iniciamos 2020 con toda a forza e con todas as ganas para que sexa o ano do cambio en Galicia. Imos dar o mellor de nós mesmos para liderar a maioría social de progreso nas autonómicas”, recalcou o líder dos socialistas galegos.
Precisamente, Gonzalo Caballero recordou que, nas distintas eleccións que tiveron lugar neste ano que se pecha, “o PP quedou noqueado“ polos “resultados históricos” acadados polas forzas de progreso.
“Temos un proxecto imparable para derrotar a Feijóo, que está moi preocupado porque sabe que o seu tempo político está finiquitado”, subliñou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, antes de engadir: “Eu son un corredor de fondo político, Feijóo está rezagado e estamos preparados para o sprint final que vai permitir un goberno progresista á fronte da Xunta”.
“SOMOS A CASA COMÚN DO PROGRESISMO”
Dito isto, tras avanzar que os socialistas “imos arrinconar ao PP” nas vindeiras eleccións autonómicas, Gonzalo Caballero explicitou que “o PSdeG é a casa común do progresismo”.
“Temos os deberes feitos e estamos preparados para dar a Galicia un goberno progresista que priorice a defensa do estado do benestar, que defenda o público e que traballe pola vertebración do territorio e o impulso do emprego xuvenil”, finiquitou.
Ao acto acudiron máis de douscentos militantes da provincia encabezados pola secretaria provincial, Patricia Otero; o presidente da Deputación, José Tomé; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; os deputados no Congreso, Ana Prieto e Javier Cerqueiro; o senador por Lugo, César Mogo; os parlamentarios autonómicos Luis Álvarez e Concepción Burgo; e alcaldes e alcaldesas como o de Pedrafita, a de Vilalba, o de Castroverde, a de Guitiriz, o de Xermade…, e concelleiros de toda a provincia.