O secretario xeral recalca que “temos a responsabilidade de ser o relevo dun goberno que fracasou e que non ten proxecto para o futuro de Galicia”
O alcalde de Vigo sinala que “o esgotamento do proxecto de Feijóo é visible” e advirte “unha grande expectativa de cambio” que virá da man do PSdeG
A presidenta do PSOE chama a “anticiparse” aos “nuevos retos” que xurden na sociedade, como a loita contra o cambio climático ou a prol da igualdade
Santiago, 6 de xullo de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou hoxe a Escola de Verán que, baixo o lema ‘Gobernos para o progreso’, servirá para reflexionar e afondar nos retos que temos por diante como sociedade. “Aquí estamos establecendo a semente para unha Galicia mellor, para dar resposta aos galegos que queren un futuro distinto”, resaltou.
E é que, segundo as súas propias palabras, “os socialistas temos a responsabilidade de ser o relevo dun goberno que fracasou e que non ten proxecto para o futuro de Galicia”, porque “temos ideas, capacidades e equipos” para poñer en marcha un proxecto enfocado cara á “prosperidade”.
Díxoo Gonzalo Caballero no contexto dunha Galicia que “foi a peor” con Feijóo á fronte, a causa “dunha mistura de asfixia intelectual e inacción política” dun goberno que carece de “rumbo” ou “estratexia”. “Limitouse a poñer os poderes públicos ao servizo da imaxe de quen a antepuxo ao proxecto de país”, incidiu, non sen sinalar que a evidencia de que isto é así costoulle xa tres “suspensos” nas urnas.
Precisamente o resultado dos últimos comicios fixo emerxer “un tempo novo”, cunha maioría social de esquerdas que deu unha ampla vitoria en Galicia ao PSOE nas eleccións xerais e nas europeas, así como o goberno das principais cidades e vilas de Galicia e de tres das catro deputacións.
“Somos o futuro político para a maioría”, evidenciou o líder do PSdeG, quen chamou a facer do partido “a casa común do progresismo” e o lugar onde “todos poidan estar cómodos” dentro dun goberno distinto. “Recollemos a herdanza dos mellores presidentes, o orgullo da tarefa feita, e estamos en condicións de dar a Galicia o mellor goberno”, aseverou, “cun proxecto para o conxunto do país, para unha nova política económica e do medio rural, e que aposte polos servizos públicos”.
“TEMOS A MELLOR RECETA”
Ao fío disto, Gonzalo Caballero sinalou que “os socialistas seguimos tendo a mellor receta” para o progreso, na liña de que “o progreso é máis que crecemento económico”. “Cremos na política para cambiar a sociedade e asumimos conceptos como o desenvolvemento sostible e o benestar”, explicou.
De feito, como observou o máximo dirixente do PSdeG, ese plantexamento é o que levou a Pedro Sánchez a “revalidar” o goberno cun apoio maioritario da cidadanía. “Porque a cidadanía toma nota”, apuntou, “e cando os dereitos non priman sobre as cuestións económicas” dáse un cuestionamento do modelo democrático.
“NECESIDADE DE CAMBIO”
A continuación, o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero, falou do “cambio” no xeito no que se entende a política actualmente, da “nova política”, que está na base do seu grande respaldo na cidade olívica: “a conexión coa cidadanía”.
“Xa non vale votar e repetir o voto cando chegue o momento, o modelo é distinto”, reflexionou Abel Caballero, consciente de que “a demanda dos cidadáns é de participación, e en tempo real”. “O modelo debe ser a inclusión”, engadiu.
Esta afirmación serviu ao rexedor para explicar tamén o apoio que recibiu Sánchez nas pasadas eleccións xerais, en relación con como fixo “virar” a moitos sectores da cidadanía a partir da moción de censura que o situou na presidencia do goberno.
É a mesma liña, como dixo, que está seguindo Gonzalo Caballero en Galicia, nun momento no que “o esgotamento do proxecto político de Feijóo é visible” e no que “hai unha grande expectativa social” en relación coa “necesidade de cambio” que ha de vir da man do PSdeG.
NOVOS DESAFÍOS
Tamén dos novos desafíos falou a presidenta do PSOE, Cristina Narbona, quen abordou a necesidade de dar resposta ante os cambios no mercado de traballo que xorden a raíz da dixitalización ou das medidas a tomar diante do cambio climático.
“El momento que vivimos requiere de una gran capacidad de respuesta, porque los retos son nuevos y hay que anticiparse”, sinalou Narbona, ao tempo que puxo en valor que a socialdemocracia “vuelve a emerger con fuerza” na liña dos movementos que pulan por “nuevos modos de producción, consumo y convivencia”.
Por tanto, concluíu a dirixente socialista, “tenemos que llevar la bandera de que somos capaces de dar respuesta” na loita contra “la precaridad laboral o la pobreza” e de que apostamos por “la igualdad y el progreso”.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu a benvida ao acto a todos os asistentes e, tras destacar o éxito obtido nas pasadas eleccións -tanto xerais como municipais e autonómicas-, vaticinou que estamos no camiño para un novo triunfo nos comicios autonómicos no próximo tempo.
“Temos que pasar dunha xestión de contable a un goberno para o progreso de Galicia”, abundou o rexedor compostelán, quen advertiu do risco de “quedarmos atrás” antes de facer fincapé en que “necesitamos un cambio en Galicia”.
PEDRO SÁNCHEZ, PRESIDENTE
Todos os participantes na apertura da xornada fixeron alusión á importancia de que Pedro Sánchez “siga sendo presidente”, en palabras do alcalde de Santiago, mentres Abel Caballero advertiu que non é procedente falar agora da repetición de eleccións.
Sobre todo, como apuntou o secretario xeral do PSdeG, porque fronte á maioría progresista que encabeza Pedro Sánchez “non hai outra opción” e porque “o mandato da cidadanía” foi “un goberno de prosperidade”.
Pola súa banda, Cristina Narbona falou da “encrucijada” política na que nos atopamos e garantiu que tanto o PSOE como o presidente do goberno en funcións “non parou un minuto” de traballar por un goberno progresista.
ESCOLA DE VERÁN
Na escola de verán inaugurada por Gonzalo Caballero xunto con Cristina Narbona, Abel Caballero e Pepe Bugallo participaron tamén os presidentes socialistas da Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, ademais do catedrático de Economía Antón Costas.
Tralas súas disertacións sobre o cambio climático, a socialdemocracia no contexto europeo e a sostibilidade da nosa economía, noutras mesas abordáronse os retos dos eidos cultural e social e tamén o futuro do socialismo.
Participaron a actriz Berta Ojea; o presidente dos Premios da Crítica, Bieito Ledo; o exdeputado Francisco Cerviño; as concelleiras en Santiago Noa Díaz e Mercedes Rosón e a xornalista e escritora María Xosé Porteiro. Xoaquín Fernández Leiceaga, presidente do PSdeG e voceiro parlamentario, pechou a xornada xunto coa secretaria de Formación do PSdeG, Laura López Atrio.