O candidato socialista comprométese a garantir que a planta de Alcoa en San Cibrao non peche polos intereses dunha multinacional: “Se Alcoa non se mantén, deberá abrirse a outros proxectos inversores, ou un goberno socialista na Xunta apostará pola intervención da factoría”
O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe que a campaña electoral vai “encher Galicia de propostas, proxectos e ilusión socialista, imos encher o país da cor vermella” do PSdeG. Así o dixo nun paseo por Lugo na primeira xornada electoral xunto coa alcaldesa da cidade, Lara Méndez, o presidente da Deputación, José Tomé, e a candidatura socialista na provincia.
Gonzalo Caballero chegou a Lugo xunto co autobús electoral dos socialistas galegos, que “representa o vermello do cambio, da ilusión e da forza” coa que percorrerán Galicia pedindo o voto para “poñer Galicia á fronte dunha vangarda de cambio” co PSdeG ”no liderado progresista nos próximos catro anos”.
Advertiu que Galicia “xoga o futuro entre o proxecto esgotado no tempo e nas ideas” que representa o PP e o “proxecto progresista e con forza do PSdeG, que garante o único cambio posible para Galicia”. O candidato socialista recalcou que “cada voto para o PSdeG vai ter un efecto multiplicador para o cambio, porque son votos que van reforzar a maioría de progreso no próximo Parlamento de Galicia”.
Sinalou que “o ano pasado gañámoslle ás enquisas nas eleccións xerais e nas municipais” porque, apuntou, “hai unha maioría social de progreso en Galicia á que lle pedimos que vaia votar o 12X”. Chamou a repetir a mobilización do ano pasado porque “queremos retirar a Feijóo, queremos frear a Casado e á ultradereita e queremos un goberno cun proxecto progresista para o conxunto da cidadanía”.
Explicou que os socialistas representan “unha organización con capacidade de gobernar en 5 das 7 grandes cidades, en 3 das 4 deputacións e en máis de 100 concellos”. Os socialistas galegos, remachou, “estamos preparados e listos para darlle a Galicia o 12X un goberno comprometido coas políticas de benestar, a defensa dos servizos públicos e unha nova política económica e industrial para a reconstrución”.
ALCOA
Gonzalo Caballero fixo estas declaracións antes de manter un encontro en Foz cos alcaldes socialistas da Mariña, cos que ratificou o compromiso dos socialistas galegos coa política industrial.
Se durante 11 anos de goberno Feijóo “non fixo política industrial en Galicia e non aportou solucións ás necesidades da industria galega”, dixo, “cómpre un presidente con capacidade e coñecemento económico para afrontar a folla de ruta da reconstrución do noso país”.
No que atinxe a Alcoa, Gonzalo Caballero destacou a aprobación do fondo de garantías para empresas electrointensivas hoxe polo goberno de España. Este paso constitúe, explicou, “un avance fundamental para camiñar de cara a un novo estatuto do consumidor electrointensivo” e para “facer un plantexamento claro dende o PSdeG para darlle viabilidade á planta de San Cibrao”.
A partires de aí, remarcou, Alcoa ten que decidir que quere facer, e a Xunta ten que ampliar o prazo de estudio do ERE presentado pola empresa.
“Se Alcoa quere quedar terá un goberno amigo en Madrid e Santiago, e se non quere manter o proxecto en San Cibrao, deberá abrir as portas a novos inversores con proxectos solventes, como os dous inversores que xa teñen amosado interese e capacidade para darlle viabilidade”, explicou.
O que non pode, continuou Gonzalo Caballero, é “pechar as portas a posibles competidores que poden producir aluminio de forma competitiva en San Cibrao”. “Obrigaremos a que abra as portas a ceder as instalacións a proxectos que garantan a viabilidade da empresa”, recalcou, ao tempo que sinalou que, se Alcoa quere marchar, “terá que facer fronte ás indemnizacións por abandonar a planta e cumprir cos requirimentos medioambientais pola cuestión dos lodos”.
En todo caso, o candidato socialista comprometeuse hoxe cos alcaldes socialistas da Mariña a estudiar a intervención pública da factoría. “Se a intervención pública –da planta de Alcoa en San Cibrao- é necesaria, comprométome como presidente da Xunta a contribuír co goberno de España para intervir a factoría”. O obxectivo é, explicou, “darlle viabilidade e garantir que unha empresa estratéxica para o sector do aluminio en España non se peche polos intereses dunha multinacional”.