O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este luns unha reunión de traballo co presidente de Estremadura e presidente do Consello de Política Federal do PSOE, Guillermo Fernández Vara, para abordar distintas cuestións de relevancia a nivel federal e para as dúas comunidades, así como para coñecer a súa experiencia de goberno polo miúdo.
Nun escenario no que se prevé unha reforma da Constitución e a aprobación dun novo modelo de financiamento autonómico, o líder dos socialistas galegos advertiu de que é fundamental “que permita que tódolos cidadáns, con independencia de onde vivan, teñan os mesmos dereitos”. Unha igualdade que, do mesmo xeito que Fernández Vara, reclamou non só entre as comunidades autónomas, senón tamén entre as cidades e os municipios máis pequenos.
É a posición “totalmente compartida” que manteñen os socialistas en toda España, a da “loita pola igualdade e a solidaridade, e por favorecer aos sectores máis febles da poboación”, como verbalizou Gonzalo Caballero, quen sinalou a importancia do financiamento autonómico para manter os servizos públicos.
“Xogámonos as nosas posicións de futuro”, explicou, partidario de “marcar a axenda” fronte aos gobernos conservadores para “atender o coste” dunha sanidade e unha educación “públicas, gratuitas, universais e de calidade” para todas as comunidades autónomas de España “en termos de igualdade”. Ao fío diso, recordou que prestar os servizos implica maior custe naquelas comunidades, como Galicia, máis envellecidas e cunha poboación máis dispersa.
“NOVO CICLO POLÍTICO”
Alén diso, Gonzalo Caballero indicou aos xornalistas que o seu encontro co tamén presidente do Consello de Política Federal do PSOE vai na liña de impulsar un partido “máis forte e máis interconectado”, de cara a “abrir un novo ciclo político” e cambiar o Goberno do Estado cando haxa eleccións.
Trátase, segundo as súas palabras, de “favorecer o cambio de ciclo necesario tras anos de goberno de Mariano Rajoy”, que se viu salpicado por diversos casos de corrupción e que non traballou por facer que “a recuperación macro chegue ás familias”. “Correspóndenos convencer á cidadanía de que necesitamos un cambio en España liderado polo PSOE”, proclamou.
Finalmente, ante o presidente dun goberno autonómico que considerou “referente en políticas de progreso”, o secretario xeral do PSdeG eloxiou o seu “esforzo” en materia de política social.