O PSdeG configura un comité sanitario para estudar e artellar as medidas e propostas nos distintos escenarios de evolución da crise do covid-19
Santiago, 20 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo hoxe á Xunta un programa de provisión de máscaras de protección gratuítas para toda a poboación galega nas primeiras semanas do desconfinamento.
Gonzalo Caballero explicou que esta crise ten “distintas fases” e chamou a “prever” as medidas que hai que adoptar no escenario futuro, e nesta liña configurará un comité sanitario que estude e artelle as medidas e propostas nos distintos escenarios de evolución da crise do covid-19.
Por iso, cando xa comeza a albiscarse a fase de desescalada, e nun contexto no que Feijóo amosouse partidario de que a cidadanía use máscaras de protección, o líder do PSdeG pediu que a Xunta entregue de xeito gratuíto este material á cidadanía.
“Non ten un custe inasumible nin excesivo para os orzamentos da Xunta”, apuntou Gonzalo Caballero, quen defendeu que esta medida permitiría a todos os galegos acceder ás máscaras en condicións de igualdade.
“En moitos lugares aínda é difícil acceder ás máscaras”, sinalou o máximo dirixente do PSdeG, para quen se trata dunha iniciativa “equitativa” para protexer á cidadanía sen que teña que asumir novos custes.