O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe a Feijóo que explique “a súa complicidade co goberno de Rajoy na parálise e as irregularidades nas obras do AVE a Galicia”.
Deste xeito aludiu Gonzalo Caballero ao informe do Tribunal de Contas que desvela a suspensión de numerosos contratos do AVE a Galicia por parte do executivo do PP entre 2014 e 2017.
“É unha cuestión de máxima gravidade, porque o Tribunal de Contas conclúe a existencia de irregularidades nos contratos públicos cando o PP gobernaba en España”, aseverou o líder dos socialistas galegos.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero reprobou a “falta de coherencia” de Feijóo por cuestionar o compromiso do goberno progresista coa finalización desta infraestrutura, toda vez que o ADIF na etapa de Ana Pastor só executou o 49% do orzamento previsto”.
De feito, o ente fiscalizador recolle na súa análise que as obras da alta velocidade ferroviaria foron paralizadas de forma parcial en varias ocasións, e ata chegou a haber un parón total nalgúns tramos por períodos que oscilaron entre os cinco e os oito meses entre decembro de 2015 e agosto de 2017.
Neste contexto, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo que “compareza no Parlamento para explicar a paralización das obras e a súa complicidade co proceso, e para aclarar as irregularidades detectadas”. “O PP enganou a Galicia”, concluíu.