O voceiro socialista aposta en Portosín por “unha reactivación pegada aos sectores produtivos do país, que xere emprego e que aposte por sectores fundamentais para a economía galega como é o pesqueiro”
O responsable do PSdeG en Porto do Son, Miguel Mayán, destaca o “compromiso” do socialismo galego co sector pesqueiro
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que clarifique se “está con Pablo Casado” ou “coa mocidade galega que necesita axudas para poder ter acceso a unha vivenda digna”, e que vai recibir 250 euros mensuais para alugueiro en virtude das axudas aprobadas polo goberno de España.
Neste senso, o voceiro parlamentario do PSdeG requiriu ao presidente da Xunta “que se defina” e explique se vai respaldar as medidas anunciadas onte polo goberno de España “ou se está na estratexia do PP de Casado de opoñerse ás medidas que favorecen o acceso á vivenda”. “Ten que definirse”, subliñou, logo de que tanto Ayuso coma outros representantes autonómicos anunciaran a súa oposición a estas medidas.
“Queremos saber que é o que opina Feijóo –dixo-. Queremos saber se o PP de Galicia oponse aos novos programas de vivenda que van permitir que haxa axudas para a xente moza que necesita alugar vivenda e que lles permitirán recibir 250 euros ao mes para acceder a esa vivenda”. Ao fío diso, Gonzalo Caballero sinalou a necesidade de que “todo o mundo reme na dirección de impulsar o acceso á vivenda”.
Neste punto, Gonzalo Caballero reprochou a Feijóo que nos seus 12 anos de goberno se teña “esquecido da política de vivenda”, posto que “deixou de apostar polas vivendas de promoción pública e polas vivendas cun prezo máis asequible para a cidadanía”, a pesares de que ten plenas competencias neste sentido.
Do mesmo xeito, o responsable socialista recriminou a Feijóo que “non teña xerado ningunha solución aos grandes problemas de vivenda, tanto para o acceso a esta por parte da xente moza e da cidadanía en situación vulnerable como para a rehabilitación de vivendas, onde os propietarios precisan do apoio da Xunta”.
En cambio, contrastou, “o goberno de España está a tomar medidas fundamentais para a cidadanía mentres a Xunta non está a facer nada” diante da “enorme preocupación” polos prezos dos alugueres e da vivenda en propiedade. Nese senso, Gonzalo Caballero apostou por unha “política de vivenda que permita vivir en dignidade” e que permita “o acceso á vivenda en condicións asequibles e dignas na etapa de reactivación económica”.
PESCA
Así o dixo Gonzalo Caballero no transcurso dunha visita a Porto do Son, onde tamén mantivo un encontro co secretario local do PSdeG, Miguel Mayán, e representantes do sector pesqueiro.
Dende alí, trasladou o apoio e respaldo dos socialistas galegos a un sector fundamental para Galicia. “Defendemos os intereses dos pescadores do noso país para que consigan a cota necesaria, que teñan na pesca un modo de vida nas mellores condicións”, destacou o dirixente socialista.
Así mesmo, coa vista posta na reconstrución trala covid, Gonzalo Caballero sinalou que “queremos unha reactivación pegada aos sectores produtivos do país, que xere emprego e que aposte por sectores fundamentais para a economía galega como é o pesqueiro”.
De feito, enmarcou esta visita no esforzo dos socialistas galegos por “traballar a pé de país, pedíndolle á Xunta que aposte polos servizos públicos e tamén por unha reactivación centrada da economía da xente, que consiga xerar emprego e que apoie á economía produtiva”.
MIGUEL MAYÁN
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG en Porto do Son, Miguel Mayán, agradeceu a visita de Gonzalo Caballero á súa vila, así como o “compromiso” do partido cun “pilar fundamental” para a economía galega.
“Estamos”, dixo Miguel Mayán, “moi implicados e centrados nas reivindicacións do sector pesqueiro”.