O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, pechou a súa visita a Arxentina cun encontro coa colectividade galega, dende onde respondeu ás declaracións de Feijóo nas que dicía que quería parecerse a Gallardón: “Igual que Gallardón está xa na casa, Feijóo tamén estará na súa casa a partir do mes que vén”.
“Agora Feijóo alaba a un Gallardón que quixo prohibir ás mulleres o seu dereito legal á interrupción do embarazo”, recordou Gonzalo Caballero, para sinalar que “dentro do seu disfraz hai un conservador de dereitas nada centrista”.
De feito, recalcou o líder socialista, Feijóo “nunca” se distanciou dos posicionamentos do PP, o seu partido aínda que tente en campaña “agochar as siglas”. “Feijóo votou no Parlamento de Galicia hai un mes en contra de regular a morte digna, igual que Pablo Casado e Cayetana Álvarez de Toledo no Congreso”, exemplificou.
Por iso, prognosticou Gonzalo Caballero, o vindeiro 5 de abril a cidadanía galega apoiará maioritariamente “un cambio progresista” que permita abrir “unha nova páxina de futuro en Galicia”.
“Hai unha Galicia que avanza e que progresa, e que sabe que é necesario o cambio”, proclamou Gonzalo Caballero, nun encontro no Centro Betanzos ao que tamén asistiu o vindeiro embaixador de Arxentina en España, Ricardo Alfonsín.
APOIO Á GALICIA EXTERIOR
Nese foro, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta comprometeu “todo o apoio” á colectividade galega dun goberno progresista en Galicia logo de anos de “desprezos” de Feijóo.
Aludiu así á negativa de Feijóo a acudir ao Centro Gallego de Buenos Aires ou a contribuír desde a Xunta ao colexio Santiago Apóstol, dous dos principais referentes da galeguidade en Arxentina e no mundo, tal e como llo trasladaron a Gonzalo Caballero os dirixentes destas institucións.
Fronte a iso, o dirixente socialista garantiu que será “un aliado” dos galegos no exterior, aos que expresou todo o seu “recoñecemento e gratitude”.
Caballero sinalou que as empresas galegas teñen moitos intereses en Arxentina e que o país andino supón tamén un mercado de interese para Galicia. Comprometeu apoio á colectividade galega no exterior e definir novas formas de acción que potencien a interacción dos galegos de Latinoamérica coa terra, impulsando plans que faciliten a incorporación de mozos galegos do exterior ao sistema universitario galego.