O secretario xeral sinala que o 28 de abril elixirase entre o “progreso” que encarna Pedro Sánchez e “o retroceso” de quen obtivo un mestrado “por arte de birlebirloque”
Marín, 16 de febreiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo hoxe en evidencia como Feijóo “desdise unha vez máis”, posto que agora cuestiona que as eleccións causarán parálise cando o PP leva tempo reclamando que se celebren “canto antes”.
Máis aló desta nova contradición de Feijóo, o que o líder dos socialistas galegos sinalou antes da presentación de Manuel Pazos como candidato do PSdeG á alcaldía de Marín é que o vindeiro 28 de abril a cidadanía poderá elixir entre “o progreso” que representa o proxecto de Pedro Sánchez e o “retroceso” que supón a dereita.
“O país necesita consolidar unha maioría de progreso liderada por Pedro Sánchez”, apoiou, e enumerou algunhas das medidas “positivas para a maioría” postas en marcha nestes últimos oito meses: a suba das pensións e do SMI, a mellora da sanidade pública e da axuda á dependencia, o aumento das bolsas de educación…
É por iso que o secretario xeral do PSdeG rexeitou volver atrás da man dun Pablo Casado que, “por arte de birlebirloque, conseguiu licenciatura e mestrado” e que “está dirixido por Aznar” pensando en “pactos coa ultradereita que non conveñen á maioría do país”.
“O ALCALDE QUE MARÍN NECESITA”
Canto a Manuel Pazos, Gonzalo Caballero trasladoulle todo o “impulso” para converterse “no alcalde que Marín necesita”.
O obxectivo é, fronte á actual incapacidade do equipo de goberno, compatibilizar o aposta polas posibilidades do concello co desenvolvemento dunha vila con máis servizos para os seu veciños e as súas veciñas.