O líder dos socialistas galegos sinala que “Galicia merece un presidente que diga a verdade, que non minta, que compareza con toda a información e comparta a súa folla de ruta” para afrontar a crise sanitaria
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que “convoque aos partidos galegos para consensuar o aprazamento das eleccións na Mariña de Lugo” por mor do rebrote do coronavirus. Así o dixo logo dunha xuntanza cos alcaldes de Lugo e o presidente da Deputación, á que os rexedores e rexedoras dos concellos da Mariña asistiron por vía telemática.
O responsable socialista reclamou o adiamento das eleccións na Mariña como principal medida para conxugar as garantías sanitarias e democráticas. Advertiu que prohibir a votación aos enfermos supón restrinxir un dereito político fundamental, mentres que priorizar o dereito político entra en risco sanitario ao flexibilizar as normativas de seguridade sanitaria “por exemplo das persoas en corentena”.
Alertou de que o anuncio do presidente da Xunta de permitir as persoas en corentena que poidan facer un paréntese para ir votar “é algo que preocupa aos cidadáns e preocupa aos alcaldes e alcaldesas” polos efectos na saúde pública e tamén polas dificultades que pode supor para conformar as mesas electorais este domingo. Sinalou que “nin un só voto, nin un goberno pode primar por riba da seguridade sanitaria”.
Dixo que “Galicia merece un presidente que diga a verdade, que non lles minta aos galegos e galegas, que compareza con toda a información e comparta a folla de ruta co conxunto de partidos”. Reclamoulle ao presidente da Xunta que “abandone o seu illamento en Monte Pío para poñerse a falar cos alcaldes e alcaldesas da Mariña aos que aínda non chamou”.
Ocultar os datos reais
O líder dos socialistas galegos acusou ao presidente da Xunta de comparecer esta mañá, logo do Consello da Xunta, “sen dar os datos que xa tiña actualizados e utilizar os de onte para non explicar que hoxe na Mariña hai máis contaxiados pola covid que os que había en toda Galicia o 13M, cando decretou a Emerxencia Sanitaria”.
Alertou de que “hoxe aparecen na provincia máis contaxiados dos que había onte, e polo tanto a curva de contaxio pode estar en fase de crecemento e temos que tomar tódalas precaucións”. Caballero esixiulle ao presidente da Xunta “información transparente e pormenorizada” da evolución da crise sanitaria na comarca “como lle reclaman os alcaldes e alcaldesas da Mariña cos que non se puxo en contacto todavía”.
Lembrou que o presidente da Xunta “ten competencias e non pode seguir escondido” detrás dun DOG no que sinala aos alcaldes como autoridade sanitaria cando carecen dunhas competencias propias da Xunta de Galicia. Máxima, engadiu, cando “boa parte dos concellos nin sequera teñen policía local que lle poida dar resposta ás necesidades da pandemia”.
Lembrou que o presidente da Xunta dicía o sábado que o brote estaba controlado, para 24 horas despois confinar a 70.000 galegos e galegas en 14 concellos sen sequera poñerse en contacto cos alcaldes.
Esixiulle ademais por que fixou o confinamento en 5 días “cando sabemos que tódolos indicadores de contaxios e as prevencións sinaladas polos epidemiólogos e a OMS esixen medidas de entre 10 e 15 días para poder testar o virus”.