Critica a “inacción” da Xunta ante un problema “estrutural” cando, pese ás advertencias e tras 12 anos no goberno, “continúan a senda de recortes e desprezo á sanidade pública galega”
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe responsabilidades a Feijóo pola situación “indignante” da Atención Primaria tralos “graves problemas” en centros de saúde de toda Galicia e, especificamente, trala decisión do Sergas de pechar as consultas en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo, onde os profesionais só atenden urxencias e cuestións vinculadas á covid.
“Ignoraron as advertencias dos profesionais sanitarios e agora a situación é calamitosa en toda Galicia, xa que hai problemas nos centros de saúde de todas as bisbarras”, sentenciou o dirixente socialista quen recordou que as e os sanitarios “levan moitos anos denunciando o fracaso na xestión sanitaria do PP”.
Así, Gonzalo Caballero lembrou que “no 2018 ocorreu un feito sen precedentes” cando “22 xefes de servizo e da unidade de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo dimitiron en bloque para denunciar a precariedade do servizo e a sobrecarga asistencial”. Malia esta dimisión, que foi apoiada con centos de sinaturas doutros compañeiros e compañeiras, “a Xunta continuou a súa senda de recortes e desprezo á sanidade pública galega”.
“A saturación da Primaria está derivando en que moitas persoas non poidan contactar cos seus médicos e, polo tanto, existe unha barreira de acceso ao sistema sanitario”, alertou o voceiro socialista quen incidiu no “grave problema” que isto supón para a cidadanía. “Estamos vivindo un retroceso en dereitos con respecto á sanidade pública que é inadmisible”, sentenciou.
“Non pode ser que haxa listas de espera de ata 15 días de forma permanente para ser atendido por un profesional sanitario, en moitas ocasións mesmo para ser atendidos por vía telefónica”, subliñou Gonzalo Caballero.
En plena sexta onda da covid e cando os casos activos ascenden a máis de 56.000 en Galicia, o responsable socialista incidiu en que “hai esperaa ata na atención telefónica de persoas con covid que non están sendo chamadas polos facultativos para controlar o seu estado de saúde durante a enfermidade, co risco que isto supón”, ao tempo que “estas persoas tamén teñen dificultades para solicitar as baixas laborais por non poder falar co persoal asistencial”.
“O sistema vese desbordado con persoal insuficiente porque a Xunta non está exercendo as súas responsabilidades”, incidiu. Ante isto, “Feijóo debe dar explicacións e, por enriba de todo, arranxar a desfeita e o caos no que converteron a Atención Primaria, rectificando de inmediato a súa política en materia sanitaria e de contratación do persoal do Sergas e fortalecendo a sanidade pública galega”, concluíu.