O secretario xeral do PSdeG sinala que “a sanidade está en risco” e chama a participar “masivamente” na manifestación do vindeiro domingo en Santiago
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu este venres ao presidente da Xunta que “rectifique” a reforma da Lei de Saúde de Galicia que pretende levar adiante, non sen advertirlle de que o “fracaso” da súa política sanitaria “xa lle custou o cese dunha conselleira” hai dous anos.
No marco dunhas xornadas sobre sanidade organizadas pola Escola de Formación Ceferino Díaz do PSdeG, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a “reorientar a desfeita” que está levando a cabo en materia sanitaria, que ten “fondamente preocupados” aos socialistas galegos e que ten derivado nun “clamor” entre a cidadanía.
“A dereita está desmantelando moitos dos avances que tiñamos conquerido”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, consciente de que “custou moito tempo construír” un sistema “público, gratuito, de calidade e de proximidade” e de que todo este esforzo “pode destruírse en pouco tempo”.
Coa defensa da sanidade “pública, universal, gratuíta, de calidade e próxima” como “prioridade”, Gonzalo Caballero apelou a participar “masivamente” na manifestación do vindeiro domingo en Compostela. “A sanidade está en risco”, advertiu, antes de denunciar “privatizacións encubertas, precariedade para os profesionais e enormes listas de espera”.
FIN DOS RECORTES
Pola súa banda, o portavoz parlamentario dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga, fixo fincapé na importancia de que a manifestación sexa “masiva” para conseguir “o fin dos recortes” en materia de sanidade.
Centrado no ámbito parlamentario, recordou que o próximo martes comeza a tramitación da reforma da lei, que recibirá toda a oposición dos socialistas.