O secretario xeral do PSdeG insta a Feijóo a “resolver este problema” no canto de “viaxar a Sevilla para abrazar a Cifuentes”
Santiago, 7 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu este sábado a Feijóo que “cese” ao seu vicepresidente cando se cumpren 60 días de folga do persoal da Xustiza en Galicia. “Por incompetente e incapaz”, argumentou.
Antes da saída da manifestación convocada polos sindicatos da xustiza galega, que reuniu a milleiros de persoas en Compostela, o líder dos socialistas galegos lamentou que “a inacción e a incapacidade de Feijóo e Rueda” teña derivado en “dous meses de crise na xustiza”.
E é que, como salientou Gonzalo Caballero, neste tempo non se aportou “ningunha solución” nin para os traballadores nin para a sociedade galega, que “precisa unha xustiza que funcione” para poder resolver os seus problemas.
“O PP paraliza a xustiza e a Galicia, e despreza aos sindicatos e aos traballadores”, resumiu o secretario xeral do PSdeG, quen trasladou a un colectivo “que reclama negociación e diálogo” para poñer fin a esta situación “todo o apoio” dos socialistas.
Neste escenario, Gonzalo Caballero instou a Feijóo a “resolver os problemas do país” no canto de “viaxar a Sevilla para abrazar a Cifuentes”. “Ten que poñerse a dar solucións a Galicia en vez de buscar a súa promoción persoal dentro do PP”, sentenciou.
Xunto ao secretario xeral do PSdeG, na delegación socialista que acudiu á protesta estaba o presidente do partido e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga; a vicevoceira, Patricia Vilán; a secretaria de Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega, Paloma Castro; e a coordinadora dos socialistas galegos nas Cortes Xerais, Pilar Cancela.