O voceiro parlamentario socialista amosa a súa “preocupación” polo repunte de contaxios en residencias e advirte a Feijóo de que “vetar” a comisión de investigación sería “un erro”
O líder do PSdeG urxe a Feijóo a que “pida desculpas” polo “esperpento” que provocou en Ourense e a que posibilite que goberne a lista máis votada na cidade para “dar solución ao caos e a inacción” existente
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2020. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe á Xunta que “non pase un minuto máis” sen poñer en marcha todas as medidas necesarias para programar un inicio do curso escolar “con todas as garantías posibles” para os nenos e as nenas, as familias e a comunidade educativa na súa totalidade.
“Pasaron dous meses dende as eleccións, e a Xunta ten que poñerse a traballar e a tomar decisións”, destacou Gonzalo Caballero, quen subliñou que hai cuestións “urxentes” en materia educativa, sanitaria, social e económica.
En concreto, no que atinxe á volta ao cole, criticou que “a Xunta non fixo os deberes nestes meses”, ata o punto de que hoxe “aínda non sabemos cantos profesores se contrataron de xeito adicional para reforzar o inicio do curso escolar nin temos coñecemento detallado sobre o resultado das súas PCR”.
“Todos os pais e nais estamos moi preocupados porque Galicia é das comunidades que menos fixeron, xunto con Madrid”, manifestou o líder do PSdeG, crítico co feito de que hoxe Galicia estea “á cola da acción necesaria” para dar “garantías” á volta ao cole.
CONTAXIOS NAS RESIDENCIAS
A maiores, Gonzalo Caballero amosouse “moi preocupado” polo aumento de contaxios nas residencias de maiores e chamou a tomar “todas as medidas” fronte a esta situación.
Ao fío disto, reclamou a Feijóo que “asuma a necesidade imperiosa” de abrir unha comisión de investigación sobre o que aconteceu nestes centros durante a primeira vaga da covid, por “cuestións morais e éticas, e de sensibilidade e empatía coas vítimas”. “É unha débeda con Galicia deste Parlamento”, argumentou.
De feito, o dirixente socialista xulgou que “vetar” a apertura deste órgano sería “un erro” ademais dunha demostración de “distanciamento das demandas da xente” nun momento no que se di que “a clase política está afastada da realidade social”. “Temos que aclarar o sucedido para aprender e corrixir erros”, esgrimiu.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero reafirmou a súa “vontade construtiva” nesta nova lexislatura, na que o PSdeG estará “fronte ás políticas de recortes e retrocesos en dereitos sociais do PP” e traballará “a prol da xente” a través de “acordos de calado para o país e para que ninguén quede atrás” na saída desta crise”.
SITUACIÓN DE OURENSE
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG abordou a crise na cidade de Ourense, máxime despois de que o PP decidira abandonar o goberno local liderado por Jácome. “Eu mesmo pedín ao presidente da Xunta que falase de Ourense na sesión de investidura e que dixese que está pasando”, recordou, ao tempo que esixiu a Feijóo que “asuma a súas responsabilidade” por poñer un alcalde que chegou a cualificar de “letal” á fronte da terceira cidade de Galicia.
Nese contexto, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a que “pida desculpas” pola “crise institucional e política que provocou en Ourense” e a que posibilite que a lista máis votada na cidade acceda ao goberno para así “dar solución aos caos e á inacción” existente.
“Feijóo é responsable do que está pasando porque, para manter a Baltar na Deputación, chegou a un acordo da indignidade contrario a todo o que dixeran o PP e DO na campaña”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que ese pacto implica “unha situación de esperpento que preocupa en toda España” porque “non hai ningunha cidade con tal situación de caos”.
Por iso, nun escenario de denuncias ante a Fiscalía dos propios membros do goberno local e de ruptura do pacto entre PP e DO no Concello, Gonzalo Caballero subliñou que “Feijóo ten que asumir as súas responsabilidades”.
“O Partido Popular e Democracia Ourensana puxeron un alcalde, xeraron este caos e agora teñen que arranxar o problema”, recalcou o responsable socialista, quen fixo fincapé en que o PP ten que “pasar á oposición” por estar “emporcado” como consecuencia dese “pacto contranatura” feito para manter “os seus equilibrios de poder”. “O PP non quixo asumir o resultado das municipais, nas que o PSOE foi a primeira forza en Ourense”, concluíu.