O secretario xeral reclama ao presidente da Xunta que deixe esa “rabieta infantil” e “rectifique” a súa “estratexia de confrontación co PSOE”
Santiago, 8 de agosto de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou hoxe ao presidente da Xunta a asumir que a situación xerada en torno á devolución do IVE é responsabilidade do seu partido e, a partir de aí, a acudir “con vontade construtiva” a foros multilaterais como o Consello de Política Fiscal e Financeira para tentar “solucionar o que el e o PP xeraron”.
“Non pode tentar aparecer como salvapatrias, cando el foi cómplice do cambio do sistema na etapa de goberno de Rajoy e Montoro”, remachou Gonzalo Caballero, para replicar a Feijóo que el si “sería a peor noticia económica da década”, posto que é “o responsable de apoiar, dende Galicia, o cambio na forma de facer a liquidación”.
Ao fío diso, o líder dos socialistas galegos recordou que non houbo “queixas nin confrontación” por parte de Feijóo cando gobernaba o PP, así que atribuíu a súa “rabieta infantil” a “unha estratexia de confrontación co PSOE” porque “non lle saen as contas”.
Por tanto, Gonzalo Caballero conminou a Feijóo a ser “coherente” e “leal”, e a “rectificar” a súa posición para favorecer “os intereses de Galicia” e non os do PP. Trátase, segundo explicou, de “buscar mecanismos que solucionen os problemas que o PP xerou ás arcas galegas”.
Ademais, coa vista posta na reunión que o presidente da Xunta manterá coa ministra de Facenda o xoves, o secretario xeral do PSdeG deixou claro que calquera solución pasa por un acordo “multilateral” no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira, posto que afecta a todas as comunidades.
“O PP TEN QUE RECTIFICAR”
Por outra banda, o máximo responsable do PSdeG aproveitou a súa comparecencia ante os medios para denunciar o “deterioro” que o PP está impoñendo na sanidade pública, e que se evidencia na noticia do falecemento dun doente no PAC da Estrada sen ter asistencia médica.
“Se non se toman decisións estruturais, en calquera momento poden xurdir excepcionalidades con implicacións nefastas”, advertiu o líder socialista, para sinalar que “non é de recibo” nin “admisible” que isto ocorra. ”Non nos podemos acostumar a ver como normal o que non o é”, reivindicou antes de urxir á Xunta a “rectificar” e “asumir responsabilidades” por este caso tan grave.
É por iso que, tras amosar todo o “apoio” á familia do falecido, apuntou que o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista xa demandou a comparecencia do conselleiro no Parlamento para dar conta do ocorrido. E, ante a “escusa ficticia” da falta de persoal dispoñible, Gonzalo Caballero reclamou “contratos estables e dignos” no canto de optar por “contratos por horas” para facultativos e sanitarios.