O secretario xeral mantén unha xuntanza co presidente da Fegamp, quen sinala que os concellos “seguimos sen noticias” da Xunta sobre a mesa para a reconstrución
Santiago, 22 de maio de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza con Alberto Varela, presidente de Fegamp, trala cal esixiu a Feijóo que dispoña “un fondo extraordinario” destinado aos concellos que se distribúa con criterios “obxectivos” e que sirva para financiar a loita contra a covid-19 dende o eido municipal.
“Igual que o goberno de España está acompañando aos concellos e buscando fondos coa FEMP, Feijóo ten que deixar o postureo e traballar a carón das administracións que dan resposta á xente”, afirmou Gonzalo Caballero, quen contrastou como “as medidas dos concellos e deputacións” paliaron a “falla de capacidade” da Xunta á hora de atender os problemas da cidadanía.
Ao fío diso, o líder do PSdeG citou o caso dos servizos sociais, que asumiron os concellos ante a “incapacidade” do goberno de Feijóo para dar resposta. “Pero a Xunta non aportou nin medios nin fondos”, criticou, para sinalar que “os concellos séntense abandonados” no traballo de protección da cidadanía.
Do mesmo xeito, Gonzalo Caballero recordou como a Xunta mandou aos concellos material de protección “insuficiente” para o persoal municipal ou dos servizos sociais, ata o punto de que en moitos casos o equipamento entregado estaba “caducado dende o 2014”. Ademais, reprobou que os responsables locais aínda non contan con “información detallada” sobre os contaxios e os falecementos por covid-19.
“O que Feijóo pide ao goberno de España, el non o cumpre cos concellos”, sostivo o máximo dirixente do PSdeG, para comprometer que un goberno progresista na Xunta terá en conta as necesidades dos concellos e arbitrará un plan de acompañamento de 300 millóns de euros. “É hora da xestión e de tomar medidas”, sentenciou, e “nós queremos asumir ese compromiso”.
FEIJÓO, “SEN DIÁLOGO COS CONCELLOS”
Despois de facer fincapé na “desatención” dos concellos por parte da Xunta, Gonzalo Caballero subliñou que Feijóo tamén “escapa de establecer mecanismos de diálogo” coas entidades municipais, quizais polo feito de que máis da metade da poboación galega ten hoxe un rexedor ou rexedora socialista.
“Pero Galicia non é o chiringuito do PP”, advertiu o líder dos socialistas galegos, quen chamou a Feijóo a “deixar o seu personalismo” e a “poñerse a disposición dos alcaldes” dedicando fondos para que poidan tomar medidas.
A xeito de exemplo, Gonzalo Caballero apuntou como no caso de Vilagarcía, o concello que dirixe o presidente de Fegamp, houbo unhas 1.200 actuacións dos servizos sociais. No 30% deses casos -relatou- eses veciños “non tiñan historial de necesidade sociais ata que chegou esta crise da covid-19.
Pola súa banda, Alberto Varela indicou que os concellos “seguimos sen noticias” da Xunta para convocar a mesa para a reconstrución que a Fegamp requiriu por carta hai máis de dúas semanas.
O obxectivo dese foro, como explicou o presidente da Fegamp, é traballar de forma coordinada para afrontar as necesidades dos concellos, atendendo ás emerxencias sociais da veciñanza e ás cuestións relativas ao comercio local e o tecido produtivo. “Seguimos agardando resposta da Xunta”, resolveu.
PRAIAS
A maiores, o secretario xeral do PSdeG sinalou “o despropósito” de que a Xunta chegara a propoñer que o acceso ás praias galegas se fixese a través dun sistema de cita previa por internet.
“Esta tolemia amosa que o goberno de Feijóo está fóra da realidade e das necesidades do país”, evidenciou, ao tempo que sinalou que esa proposta xa recibiu “o rexeitamento case unánime dos concellos”. “Ten que rectificar”, urxiu, consciente de que cada día do verán son millóns de persoas as que visitan as nosas praias.
Por iso, Gonzalo Caballero criticou as ocorrencias da Xunta, que quere “xestionar a golpe de titular” pero “sen pensar”, e “sen mobilizar fondos nin dar respostas” acaídas ás necesidades do país. “Está out”, resumiu.
SEGURIDADE O 12X
Finalmente, o máximo responsable do PSdeG reclamou a Feijóo que “a Xunta garanta que todos os galegos poderán acudir o 12 de xullo a votar con seguridade e sen riscos”. “Ten que traballar cóbado con cóbado cos concellos para que ningún galego quede na casa por medo a ir votar”, apostilou.
Igualmente, Gonzalo Caballero requiriu que estas garantías se estendan para que tamén a campaña e a precampaña poidan desenvolverse con “normalidade” dentro das limitacións establecidas polo estado de alarma e as fases da desescalada.