O portavoz do Grupo Socialista sinala que “o PP é un risco para a sanidade pública que non podemos permitir” e reivindica “unha sanidade de primeira para toda Galicia en pé de igualdade”
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, anunciou unha batería de emendas aos orzamentos da Xunta para esixir a Feijóo que dea marcha atrás na rescisión dos contratos de “centos de profesionais sanitarios contratados como reforzo da covid” e no recorte de fondos para a atención primaria e a saúde pública.
Así o dixo Gonzalo Caballero nunha rolda de prensa no Parlamento antes de constatar que “o PP é un risco para a sanidade pública que os galegos e as galegas non podemos permitir”.
De aí que, subliñou, o Grupo Socialista presentará “todas as emendas necesarias para que o PP mude de posición e traballe por unha sanidade de primeira en pé de igualdade para todos os galegos e as galegas”.
E é que, denunciou Gonzalo Caballero, “parece que estes do PP non aprenden do que pasou en tempos de covid, de que hai que fortalecer a sanidade pública” porque á primeira de cambio “recortan orzamentos en atención primaria e saúde pública e despedirán centos de profesionais de aquí a final de ano”.
Neste senso, denunciou esta nova volta aos recortes nos servizos públicos por parte do goberno galego “logo de ter anunciado o seu compromiso coa atención primaria, cos profesionais sanitarios e coa sanidade pública”.
Por iso, Gonzalo Caballero anunciou “un non rotundo aos dirixentes do PP que queren danar e recortar na sanidade pública”, reducindo orzamentos e limitando a atención presencial para impoñer a atención telefónica.
MODELO SANITARIO POSCOVID
Ao respecto, o voceiro do PSdeG na Cámara galega sinalou que esta estratexia da Xunta supón un “novo retroceso” na xestión sanitaria por parte dun goberno galego que “deixa sen facer os seus deberes para afrontar o modelo sanitario poscovid”; un contexto que require dun sistema sanitario público “forte e cun nivel de recursos humanos amplo”.
En cambio, reprobou, o comportamento da Xunta sitúase na antítese do modelo do PP, que “recorta recursos, despide persoal e dana a sanidade pública galega”.
Neste senso, indicou que o orzamento do goberno galego para o próximo ano demostra que a Xunta e o PP “non están á altura do que Galicia necesita” para a defensa da sanidade pública, con “máis orzamentos, contratar a máis persoal e un servizo de calidade en pé de igualdade”.