O secretario xeral sinala un erro grave da Xunta e urxe explicar “que fallou” e poñer “todas as medidas necesarias para garantir a saúde dos nosos maiores”
Santiago, 14 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe a Feijóo que compareza no Parlamento para explicar que pasa nas residencias de maiores e o contaxio de coronavirus que se ten producido na residencia habilitada en Nigrán para illar a persoas maiores que estaban sas.
“Estamos terriblemente preocupados”, sinalou o líder dos socialistas galegos, porque despois de “máis de mil persoas maiores contaxiadas en residencias” e dos distintos casos de “contaxios masivos” en varios centros, agora os positivos aparecen ata en centros dispostos para os maiores sans.
Neste contexto, Gonzalo Caballero recalcou que “Feijóo ten que comparecer” e “explicar de forma detallada que está facendo a Xunta” e “que fallou”, así como poñer en marcha “as medidas necesarias para garantir a saúde dos nosos maiores”.
“Non pode ser que haxa un contaxio nun centro creado para salvar dos contaxios ás persoas maiores que están sas”, enfatizou o máximo dirixente do PSdeG, quen subliñou a que houbo erros nas decisións tomadas pola Xunta neste eido e hai que aclaralos.
Ao respecto, Gonzalo Caballero reprobou que Feijóo “non dubidou en poñer á delegada da Xunta a recibir aos maiores que ingresaban nesa residencia”, en Patos, pero agora ten que dar explicacións e aclarar que medidas vai tomar para “protexer a saúde dos maiores”.