O secretario xeral urxe a Feijóo “solucións á crise institucional” provocada na Valedora do Pobo trala sentenza que anula a contratación da irmá do voceiro do PPdeG
Santiago, 29 de xuño de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuestionou hoxe a posición de “moderado” que tenta aparentar o presidente da Xunta e reclamoulle que “se pronuncie con claridade” sobre se “quere pactar con Vox” ou facilitar a elección de Pedro Sánchez como presidente do goberno nun momento no que tanto o PP como Ciudadanos existen debates sobre como proceder na investidura.
“Que abandone a indefinición e o entroido político, no que se disfraza dunha cousa ou doutra en función do que lle convén”, esixiu o líder do PSdeG, quen advertiu a Feijóo de que “se quere ser un líder con credibilidade nunha Galicia que deu a maioría dos votos ao PSOE, ten que dicirlle ao seu partido que non poden seguir botándose aos brazos da ultradereita de Vox”.
Antes da xuntanza da Interparlamentaria do PSdeG para marcar a folla de traballo dos socialistas nas distintas cámaras, Gonzalo Caballero trasladou “todo o apoio e o respaldo” ao gañador das eleccións xerais para “buscar o mellor mecanismo de gobernabilidade” para ter por diante “catro anos de progreso e de avance”.
No que atinxe a Galicia, o máximo dirixente do PSdeG chamou a “traballar arreo a prol dunha nova maioría” fronte a un Feijóo que está “facendo unha grande campaña de publicidade e de marketing con fondos públicos” a pesares de que “non resolve os problemas” da cidadanía. “Está nunha fuxida cara adiante despois de que os galegos o suspenderan nas urnas”, recalcou.
“Pero canto máis usa Feijóo o poder da Xunta para a súa publicidade persoal, máis dinámica de cambio social xera e máis galegos queren botalo da Xunta; canta máis campaña de poder fai subido ao coche oficial no que leva máis de 20 anos e canto máis quere controlar os medios de comunicación, máis reacción ten en contra”, incidiu Gonzalo Caballero, consciente de que a Feijóo “xa non lle dan as contas”.
“FEIJÓO NON RESOLVE OS PROBLEMAS”
Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG sinalou que “Feijóo nin goberna nin resolve os problemas” porque unicamente está “centrado na súa estratexia de promoción persoal e de publicidade”.
Así se explica que “non asumiu ningunha responsabilidade nin puxo solución á crise institucional” aberta na Valedora do Pobo a raíz dunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo “por irregularidades graves no nomeamento de persoal relacionado con altos cargos do PP”.
Non se esqueceu tampouco Gonzalo Caballero dos problemas que sofre a sanidade pública e que se agravan na tempada estival, posto que xa hai “alertas” de falla de persoal e de peche de camas hospitalarias, que os socialistas combaterán co seu traballo nas cámaras parlamentarias.