O secretario xeral critica que “Feijóo non cumpriu con Lugo” e denuncia que “meteu nun caixón os grandes proxectos” da cidade, como a Ronda Leste, o Museo da Romanización ou o Plan Paradai
Lugo, 29 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lugo en compañía da alcaldesa, Lara Méndez, para criticar que “Feijóo non cumpriu” coa cidade á vista de que “meteu nun caixón os grandes proxectos” pendentes, como a Ronda Leste, o Museo da Romanización ou o Plan Paradai.“Nós queremos trasladar o noso compromiso con esta cidade, queremos dicirlle aos veciños de Lugo que no PSOE teñen un aliado”, proclamou o líder dos socialistas galegos, quen avanzou que o vindeiro goberno progresista da Xunta amosará “un claro compromiso con esta cidade”.
“Eu quero trasladar o meu compromiso firme, persoal e político, con esta cidade”, asegurou Gonzalo Caballero, consciente de que Lugo “é unha cidade de referencia para a Galicia do futuro, e de que toda a provincia de Lugo necesita que a capital da provincia teña forza, impulso e vitalidade”.
Para iso, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que “necesítase o respaldo de todas as administracións públicas” e, tras poñer en valor o “pulo” do concello con Lara Méndez á fronte, reprochou á Xunta “ter atrancado os grandes compromisos” con Lugo, impedindo así que os veciños “poidan vivir nunha cidade cada vez máis cómoda, cada vez máis urbanizada e con máis servizos sociais”.
“Preocúpanos moito que Feijóo non queira cumprir con esta cidade, que desprece aos lucenses cando non cumpre os seus propios compromisos e que prefira xogar á confusión co Museo da Romanización, que é unha demanda histórica desta cidade”, evidenciou o líder socialista, consciente de que “cando gobernaba Rajoy, Feijóo non dixo nada do cuartel de San Fernando nin propuxo facer ningún Parador”.
Díxoo precisamente no barrio de Paradai, que utilizou a xeito de exemplo da “falla de compromiso da Xunta”, sen concluír dende hai vinte anos. “Lugo vai estar na nosa axenda de traballo“, garantiu o candidato socialista á Presidencia da Xunta, consciente de que as contías en cuestión son “plenamente asumibles se hai vontade política e compromiso coa cidade”.
Así é que, ante membros do PSdeG en Lugo e do presidente da Federación de Asociacións Veciñais da cidade, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que “rectifique” e que “se comprometa co Museo da Romanización, que o dote de acordo aos plans que hai, e que cumpra con esta cidade”.
“FALLA DE COMPROMISO DA XUNTA”
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo lamentou a “falla de compromiso da Xunta” con esta cidade, pois “non pode ser que un plan iniciado hai máis de 20 anos estea aínda inconcluso”.
Con todo, incidiu en que o Plan Paradai “é un máis dos incumprimentos da Xunta” con Lugo, e citou tamén que o Auditorio está sen recepcionar tras 15 anos, que a Ronda Leste segue sen materializarse 13 anos despois e que “non se sabe nada” do futuro museo que albergará o Cuartel de San Fernando. “E un longo etcétera de plans iniciados e de promesas sen cumprir”, resumiu.
Por tanto, remarcou Lara Méndez, “as palabras do PP e de Feijóo xa non valen nada”. “Nin sequera as firmas, porque asinan os protocolo e os convenios e despois non os conclúen”, agregou, ao tempo que criticou que nin o DOG “ten valor”: “o proxecto para o Cuartel de San Fernando, a pesar de estar comprometido e publicado no DOG no ano 2012, a día de hoxe non finalizou“.
Fronte a isto, a rexedora agradeceu a Gonzalo Caballero a súa presencia en Lugo e “o seu compromiso coa cidade” Ademais, tomou a palabra José Manuel Carballo, portavoz da Asociación de Veciños Porta de Lugo, quen urxiu á Xunta “que se poña a traballar, que levamos 20 anos de espera, e isto é inaguantable”. “É unha tomadura de pelo aos veciños e non o podemos permitir xa por máis tempo. Que a Xunta traballe e que deixe de contarnos contos, que non cremos xa nas mentiras”, finalizou.