O líder do PSdeG propón un “gran acordo de país” para consolidar unha reactivación económica baseada no emprego, a loita contra as desigualdades e a modernización económica
Mantén un encontro na Coruña co expresidente da Xunta Fernando González Laxe, quen advirte do incremento das desigualdades socioeconómicas
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que tome as rendas da xestión da crise para mudar a xestión sanitaria, que vai “de chapuza en chapuza” xerando máis problemas dos que resolve. “Ou Feijóo rectifica as políticas de sanidade ou terá que cesar e cambiar ao conselleiro”, subliñou.
A xestión sanitaria, dixo, ten esgotado a paciencia dos galegos e das galegas, polo que “é hora de que Feijóo tome medidas para fortalecer á sanidade pública e corrixir a súa política errática”, ou do contrario, concluíu o líder do PSdeG, “terán que cambiar ao responsable de Sanidade”. Así o dixo logo de apuntar que “nestas semanas evidenciouse que a Xunta está a xerar máis problemas que solucións” de cara á desescalada.
Gonzalo Caballero resumiu unha xestión desastrosa da sanidade nos últimos meses, dende o freo do Tribunal Constitucional á Lei de Saúde de Galicia ata a saturación das listas de espera na Atención Primaria a niveis “nunca vistos”, pasando por unha polémica coa vacinación que “evidenciouse que era unha mera estratexia de confrontación que tivo que rectificar o responsable de Sanidade”.
Para poñer a guinda, incidiu o máximo responsable do PSdeG, chegou o colapso do sistema de autocitas do Sergas e a decisión da xustiza de tumbar a obligación imposta pola Xunta de requirir un pasaporte covid na hostalería. “Despois de todo este andar e desandar, dunha política sanitaria errática e sen consistencia, é hora de que marquen unha liña segura de fortalecemento da sanidade pública e de seguridade xurídica nos avances da reactivación”, remachou Gonzalo Caballero.
REACTIVACIÓN
Gonzalo Caballero fixo estas declaracións no marco dun encontro co expresidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada Fernando González Laxe, no que propuxo un gran acordo de país para “acadar unha reactivación que permita xerar emprego, loitar contra as desigualdades e modernizar a economía do país”.
O responsable do PSdeG presentou esta proposta logo de constatar “como Galicia ten que afrontar problemas derivados directamente da ineficiencia e ineficacia do goberno da Xunta de Galicia”.
Por iso, emprazou á Xunta a “mudar a súa estratexia de inacción, desleixo e falla de acordos”, que pon en perigo a oportunidade de apostar por un modelo produtivo “de futuro”.
Avogou así por empregar a “cantidade inxente de fondos públicos” que ten Galicia de xeito extraordinario como “catalizador do impulso económico, da reactivación social, da cohesión social e de gañar os retos do futuro” que ten Galicia.
Así pois, Gonzalo Caballero chamou a empregar os fondos da UE para “modernizar o tecido produtivo e a avanzar cara á innovación cun modelo máis conectado ás actividades industriais máis vangardistas e con maior contido tecnolóxico”.
O máximo dirixente dos e das socialistas galegos chamou a “apostar pola transición industrial e por un plantexamento de políticas económicas expansivas e keynesianas que permitan que os fondos dispoñibles xeren un gran acordo social para a reactivación”.
AUMENTO DA DESIGUALDADE
Pola súa banda, o expresidente da Xunta Fernando González Laxe deu a voz de alarma polo incremento das desigualdades sociais e económicas como unha das consecuencias da pandemia.
En concreto, alertou de que a poboación en situación de pobreza ou exclusión chega xa ao 25 por cento, ata unha cifra de 630.000 galegos e galegas que non para de medrar, mentres as persoas en pobreza severa xa son 212.000, un oito por cento da poboación de Galicia.
Por iso, urxiu a poñer en marcha “políticas sociais que minoren o incremento da desigualade e poñan en marcha accións capaces de mitigalas”, toda vez que segue aumentando a distancia entre as capas con renda máis baixa e máis alta.
Non se esqueceu tampouco Fernando González Laxe de constatar que Galicia ten unha das maiores taxas de desemprego xuvenil de España.
Así as cousas, logo de emprazar á Xunta a corrixir as desigualdades e a apoiar ás clases medias e traballadoras para evitar que Galicia entre “no clube das comunidades autónomas que quedan descolgadas”, o expresidente Laxe puxo en valor o “empuxe decidido e constante” dos socialistas galegos en apoio aos colectivos máis desfavorecidos.