O PSdeG mantén a suspensión dos actos con grande afluencia de público anunciada xa esta semana
Santiago, 12 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, amosou hoxe a súa disposición a estudar un cambio na data electoral se se fixese con todas as garantías, se así o fixasen as recomendacións sanitarias dos órganos competentes e existise encaixe legal para facelo.
Son tres das condicións que, a xuízo do PSdeG, deben terse en conta, xunto coa necesidade de que todas as medidas se tomen por consenso.
“Se as eleccións fosen este domingo, o escenario parece que podería permitir a celebración das eleccións con certas precaucións, tal e como vai ocorrer en Francia e como sucedeu en Israel hai poucos días, pero é certo que hai que prever calquera escenario para datas futuras e hai que respectar as decisións médicas e sanitarias”, explicou Gonzalo Caballero.
Así o dixo logo de trasladar á totalidade de dirixentes e alcaldes do PSdeG a indicación de “traballar de forma colaborativa ao máximo nivel posible para garantir a defensa da saúde da cidadanía galega”.
Deste xeito, ratificou o “ánimo de colaborar”, ofrecendo “man tendida a todas as administracións” na crise do coronavirus, e trasladoulle o seu apoio aos alcaldes pola súa capacidade e compromiso contrastados á hora de afrontar os retos existentes.
“SEN ALARMISMO”
Gonzalo Caballero fixo este chamamento “sen caer no alarmismo nin minusvalorar” a necesidade de “tomar todas as medidas necesarias de acordo cos informes técnicos e epidemiolóxicos que se vaian coñecendo”. Ademais, trasladou a necesidade de traballar para que a expansión do virus non afecte á poboación con maior risco.
O candidato socialista enviou así a instrución aos integrantes do PSdeG de “traballar de forma coordinada” tomando todas as medidas necesarias, o que inclúe a supresión de actos masivos ou medidas de protección da poboación vulnerable. Mantense, por tanto, a suspensión dos actos con grande afluencia de público que xa fora anunciada esta mesma semana.
“MAN TENDIDA”
Nese senso, Gonzalo Caballero asegurou a “man tendida en toda Galicia e a todas as administracións” para que o escenario de crise “afecte da menor maneira posible” a Galicia, situando a defensa da saúde pública como prioridade. Situou á saúde dos galegos e das galegas “por riba de calquera escenario, sen caer no alarmismo nin tampouco nas dinámicas da confusión”.
En paralelo, o líder socialista apelou a “potenciar o sistema sanitario ao máximo para ter tódolos recursos humanos necesarios, médicos e profesionais, e cooperar en total sintonía coas administracións locais, autonómicas e estatais”.
Instou ademais a “traballar no ámbito económico” para que o goberno galego tome medidas “que axuden a paliar o escenario de crise no país” en coordinación co goberno de España e o conxunto das administracións. Reclamou así “acompañar dende as administracións autonómicas ás situacións de dificultade económica”.
SITUACIÓN ELECTORAL
Gonzalo Caballero sinalou que os socialistas galegos estarán “pendentes de todo aquelo que trasladen os médicos e os profesionais expertos epidemiólogos” para tomar calquera decisión relacionada coa campaña electoral, porque “a saúde é o primeiro”.
Apelou á reunión convocada co presidente da Xunta para o próximo luns, logo dunha conversa telefónica a raíz da queixa do líder socialista por non telo informado da toma de decisións da Xunta.