O secretario xeral reivindica que o goberno socialista “cumpriu” coa provincia, mellorando salarios e pensións e avanzando en infraestruturas pendentes como o AVE e a conexión con Lugo por autovía
Ourense, 7 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ourense para presentar a candidatura socialista ás eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro, un equipo que xa obtivo uns resultados “moi positivos” o 28 de abril e que está “fondamente comprometido” coa provincia.
En compañía dos candidatos e candidatas e do secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, Gonzalo Caballero sinalou que é moito o que está en xogo o 10 de novembro: “o futuro da España e da Galicia que queremos”.
“Hai dous modelos distintos: o das dereitas botadas ao monte pola ultradereita e o de progreso, avance social e liberdades do PSOE”, resumiu o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que “cada voto é fundamental” para non levar “o susto” de ver “a Abascal e a Casado no Consello de Ministros”.
E, no caso desta provincia, Gonzalo Caballero destacou que “Ourense ten un aliado no goberno de Pedro Sánchez”. “A Ourense vaille ben cun goberno que sube os salarios e as pensións”, incidiu, consciente de que as rendas nesta demarcación están por debaixo da media do Estado.
Así, a modo de exemplo, o máximo dirixente do PSdeG reseñou que son máis de 100.000 os pensionistas que en Ourense viron mellorar as súas rendas fronte aos anos de “estancamento” con Mariano Rajoy á fronte do goberno.
Ademais, no que atinxe ás infraestruturas, Gonzalo Caballero referiu que a entrada do AVE en Galicia non terá “nin un segundo de retraso”, e tamén falou dos avances na circunvalación do Barco e da conexión con Lugo por autovía. A Biblioteca Municipal ou o Museo Arqueolóxico son outras dúas das cuestións importantes para a provincia que foron “desbloqueadas” polo goberno socialista, segundo engadiu.
“VOTO ÚTIL”
Finalmente, o secretario xeral do PSdeG aproveitou a visita a Ourense para facer un chamamento á participación. “Para non ter que laiarnos despois ten que haber unha mobilización masiva”, razonou.
Do mesmo xeito, apelou ao “voto útil para o avance social e o progreso” dun partido que “defende os dereitos das mulleres, dos pensionistas, dos traballadores…”.
E, tras anunciar unha campaña “a pé de país” percorrendo pobos e vilas, avanzou que o vindeiro domingo visitará a cidade a ministra de Educación e voceira do goberno socialista, Isabel Celáa.