O secretario xeral pide “información fidedigna” a Feijóo sobre as entradas e saídas de material e sobre a situación que atravesan as residencias, onde hai uns 900 contaxios
Santiago, 6 de abril de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu amosar este luns a “lealdade” co goberno de España e coa Xunta de Galicia na loita contra o coronavirus, e fixo fincapé na importancia de “estar á altura das circunstancias” nesta crise. Nese senso, pediu a Feijóo “transparencia” e que traslade “información fidedigna”, así como “responsabilidade” para fuxir do “partidismo”.
“O goberno de España está cubrindo as consecuencias económicas da crise do coronavirus en Galicia”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen aludiu á “drenaxe de centos de millóns de euros” dende o eido estatal para requirir “responsabilidade” a Feijóo nas súas declaracións públicas.
En concreto, Gonzalo Caballero apuntou que, só no abono das nóminas dos traballadores afectados por ERTEs en Galicia, a contía supera os 200 millóns de euros ao mes. A iso súmase, indicou, a suspensión das cotas á Seguridad Social, as axudas aos autónomos e as medidas para empregadas do fogar, así como as partidos para política social e sanidade.
“O goberno de España está mobilizando todos os recursos”, resaltou o máximo dirixente do PSdeG, e chamou a “poñer os intereses de todos os galegos” por riba de calquera outra cuestión.
“Facer un discurso de confrontación nun momento de crise como a actual non é oportuno nin responsable”, concluíu Gonzalo Caballero, e engadiu que é importante trasladar á cidadanía unha diagnose “real” do que está facendo o goberno de España para paliar a crise do coronavirus.
SITUACIÓN DAS RESIDENCIAS
En paralelo, Gonzalo Caballero pediu a Feijóo “transparencia” e que traslade os datos “de xeito fidedigno”, tanto no relativo ás entradas e saídas de material como sobre a situación que atravesan as residencias de maiores, onde hai xa uns 900 contaxios.
Canto o das residencias, o dirixente socialista indicou que se trata dunha cuestión “fundamental” e volveu demandar que se proporcione información ás familias e que se cumpran os protocolos para protexer aos usuarios e aos traballadores.
Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, nun contexto de contaxios masivos en distintos centros de maiores e sen que a conselleira de Política Social aclarase durante a súa comparecencia no Parlamento “que pasa nas residencias e que se está facendo”, xa que existen denuncias presentadas por feitos acontecidos.
“Estamos moi preocupados”, enfatizou o secretario xeral, toda vez que os traballadores están trasladando queixas sobre a tardanza en adoptar medidas de separación dos internos contaxiados e as familias están facendo chegar tamén o seu malestar porque non saben que está ocorrendo.
MATERIAL
Finalmente, Gonzalo Caballero puxo o foco no material de protección dispoñible en Galicia o mesmo día que o goberno de España enviou a Galicia 58.000 test para detectar o coronavirus.
Fai falla, indicou, coñecer o inventario existente e o sistema de reparto, despois de que Feijóo trasladase que a Xunta aportaba o 90% do material que se estaba utilizando en Galicia, polo 10% do goberno central. Se é así, reflexionou, na comunidade hai hoxe no entorno de “sete millóns de máscaras”, o cal despexa calquera dúbida sobre unha eventual escaseza.
Ao fío disto, o líder do PSdeG amosou “todo o apoio” á Xunta ante a paralización dun envío de respiradores para as camas de UCI que estaban prepagados. “Sabemos que hai moita dificultade no mercado internacional”, apostilou.