O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse esta mañá a Ourense para reunirse coa candidatura socialista ás vindeiras municipais e analizar tamén o resultado acadado na cidade e na provincia nas pasadas eleccións xerais.
“Temos que felicitarnos por un magnífico resultado, un resultado histórico”, recalcou o líder dos socialistas galegos en declaracións aos medios en compañía de Rafael Rodríguez Villarino, aspirante á alcaldía ourensana. Ademais, engadiu que, como consecuencia das votacións do pasado 28 de abril, “ábrese un novo tempo político” no que “o PP sabe que non gobernará ningunha das sete cidades galegas”.
No que atinxe á provincia, como sinalou Gonzalo Caballero, “o PSOE avanzou de forma moi importante” ata “o empate técnico co PP”, o que supón “un retroceso histórico no que era o bastión da dereita e do caciquismo”.
Na cidade, ademais, os socialistas galegos “acadamos o 36% dos votos”, sendo primeira forza a 12 puntos de distancia do PP. “O mellor resultado do PSOE de todas as cidades de España, empatado con Vigo”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, quen se amosou convencido de que “imos mellorar os resultados nas sete cidades galegas” o próximo 26 de maio.
“PROXECTO DE FUTURO
No caso concreto de Ourense, Gonzalo Caballero concluíu que o PP pasará á oposición, como “xa saben Feijóo, Baltar e o alcalde”. “Imos mobilizarnos nunha campaña moi intensa para ofrecer o mellor proxecto, un proxecto de futuro, á cidade”, enfatizou, posto que “temos un proxecto no que se pode confiar”.
“Somos a opción de futuro fronte a outros experimentos”, engadiu o secretario xeral do PSdeG, posto que Rafael Rodríguez Villarino é un home “comprometido” coa cidade e con “experiencia de xestión” e á vista de que o alcalde amosa “ineficiencia e falla de resultados positivos” para a cidade.
Así o corroborou o propio candidato socialista á alcaldía, quen explicou que ten “un programa para mudar a faciana da cidade” fronte ao “desgoberno” existente na actualidade. “Queremos situar a Ourense no mapa e non por ter unha familia ao mando”, incidiu.
É máis, Rafael Rodríguez Villarino profundou en que nesta provincia “acabáronse os favores e comezarán a triunfar os dereitos”.