O secretario xeral chama “á unidade e á lealdade para construír entre todos unha saída que nos fortaleza” trala crise do coronavirus
Santiago, 17 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo hoxe en valor as medidas aprobadas polo goberno presidido por Pedro Sánchez, “un escudo de protección económica, social e laboral” a través da mobilización de fondos máis grande “endexamais feita”.
Ese paquete de medidas, como resaltou o líder dos socialistas galegos, inclúe medidas como a moratoria no pago das hipotecas, a imposibilidade de cortar os subministros ás familias afectadas, a flexibilización dos ERTE e a inxección de liquidez ás empresas. Amosa, como dixo, que o goberno está “a carón da cidadanía” en momentos “complexos” como este.
En canto aos demais, profundou Gonzalo Caballero, toca actuar con “unidade e lealdade”. “Temos que construír entre todos unha saída que nos fortaleza”, resaltou, consciente de que a atención á saúde “é o primeiro” e que tamén hai que poñer a atención na cuestión económica e na protección social.
Así o trasladou hoxe o secretario xeral do PSdeG ao presidente da Xunta nunha nova xuntanza con representantes dos partidos políticos por vía telemática, na que tamén fixo fincapé na necesidade de “fortalecer o sistema público de saúde” para os tempos que veñen por diante.
Trátase, como explicou Gonzalo Caballero na comparecencia posterior, de dar contratos axeitados aos profesionais, estudiar a incorporación dos recentemente xubilados, reforzar os teléfonos de emerxencia, potenciar a atención domiciliaria e abrir as plantas dos hospitais que están pechadas.
“O persoal sanitario é o noso maior valor”, recalcou o máximo dirixente do PSdeG, quen subliñou que “canto máis forte sexa” o noso sistema público “máis garantías” ofrecerá “para afrontar con éxito” situacións como a que estamos vivindo trala aparición do coronavirus.
REUNIÓN COS REPRESENTANTES DAS FORZAS POLÍTICAS
En paralelo, o líder dos socialistas galegos explicou que as forzas políticas están avanzando no acordo para a nova convocatoria electoral, que terá lugar unha vez superada a crise do coronavirus. Sinalou a vontade de cooperación por parte de todas as forzas políticas e a disposición a asumir que a convocatoria electoral activarase con posterioridade ao levantamento do estado de alarma e da emerxencia sanitaria. “A prioridade é loitar contra o coronavirus, e é evidente que agora non pode haber eleccións, polo que hai que acadar o mellor mecanismo para despexar esta cuestión con garantías”.
“A xunta electoral de Galicia instou ao consenso a semana pasada como fórmula para resolver a situación”, remachou Gonzalo Caballero, ao tempo que propuxo reforzar a acción da Deputación Permanente, o órgano vixente da Cámara en período non hábil.