O secretario xeral reprocha ao PP que “non fai máis que demagoxia” coa industria galega e destaca o goberno socialista como “un aliado de futuro”
O líder dos socialistas galegos urxe a dotación de recursos para unha sanidade pública “do século XXI” na Mariña de Lugo
Burela, 30 de outubro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, estivo hoxe en Burela nun encontro co colectivo de enfermeir@s en loita e con persoal do 061 da Mariña de Lugo, así como con alcaldes e cargos do partido na bisbarra.
Dende alí, o líder dos socialistas galegos denunciou as “moitas dificultades” que padece a sanidade pública como consecuencia da política “de recortes, de precarización, de falla de orzamentos e de mala xestión” por parte de Feijóo.
“Queremos unha sanidade como nos merecemos na segunda década do século XXI”, remarcou Gonzalo Caballero, consciente dos “retrocesos” que sufriu a Mariña como consecuencia da supresión da área sanitaria.
“A cidadanía sabe que para as operacións máis complexas e para ter todas as prestacións sanitarias ten que desprazarse a outras zonas, e que as posibilidades de medios técnicos e laborais son máis precarios e teñen máis dificultades”, incidiu o secretario xeral do PSdeG, e recordou que a dotación de ambulancias para a Mariña é “exigua” e que se eliminou o técnico que ía na ambulancia medicalizada.
“Pedimos á Xunta que rectifique, que faga unha dotación óptima de recursos para a sanidade pública da Mariña, volvendo a poñer o técnico e dando dotación suficiente en ambulancias para o país”, requiriu.
Pola súa banda, a voceira de Enfermeiras en Loita da Mariña, María José Franco, agradeceu a xuntanza con Gonzalo Caballero e lamentou que “temos que estar traballando 12 anos para poder conseguir unha praza”. “Hai que rematar coa taxa de reposición, porque é moi duro vivir nesta situación”, concluíu.
38 MILLÓNS DE EUROS PARA ALCOA
En paralelo, Gonzalo Caballero abordou a situación de Alcoa en San Cibrao, unha empresa con algo máis de 1.000 traballadores que recibiu 38 millóns de euros do goberno este ano para compensar os custes de emisión de CO2 e polas subastas de ininterrumpibilidade.
“Este investimento, o maior importe que deu o goberno de España a ningunha empresa en todo o país, é un mecanismo para permitir a competitividade e o impulso”, resaltou o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que “todo o que se avanza” neste eido chega “ao carón do goberno socialista”.
“O goberno socialista é un aliado de futuro para a industria galega”, recalcou, para contrastar eses 38 millóns de euros que foron para a planta de Alcoa na Mariña cos “cero euros” que puxo a Xunta. “Só fai unha campaña de demagoxia e falsidade continua na que, en vez de axudar a que haxa solucións, convértese en parte do problema”, criticou, ao tempo que requiriu ao PP “lealdade”.
De feito, recordou que nos sete anos de Rajoy á fronte do goberno de España “non houbo compromiso coa industria galega, co estatuto para as empresas de consumo electrointensivo ou cun plan de reindustrialización”.
Por tanto, Gonzalo Caballero concluíu que “a suma de Feijóo e Rajoy foi un suspenso rotundo en política industrial” e que “a mellor garantía para o apoio a este sector é un goberno socialista presidido por Pedro Sánchez”.