O líder dos socialistas galegos censura que a dereita “dá as costas aos galegos ao non atender as súas necesidades sanitarias”
Pontevedra, 13 de marzo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este martes unha xuntanza de traballo coa xunta de persoal do Complexo Hospitalario de Pontevedra para coñecer a súa visión e seguir coa estratexia de marcar “unha axenda centrada na sanidade pública”.
Neste contexto, o líder dos socialistas galegos denunciou que Feijóo e a dereita “están deteriorando, privatizando e precarizando o sistema público de saúde”, como evidencia o feito de que a ratio de profesionais nos hospitais por paciente é das peores de España ou o de que a sanidade pública galega é a terceira menos valorada polos usuarios.
Na mesma liña, censurou que a reforma da Lei de Saúde, que sacará adiante “o rodillo do PP” no pleno da próxima semana, suporá “un retroceso” con respecto á lei aprobada polo goberno socialista e que fora elaborada “en consenso” cos profesionais da sanidade pública e os propios doentes.
“Vai ser un retroceso máis na calidade da sanidade pública galega”, lamentou Gonzalo Caballero, sen esquecerse de que o PP deixa unha sanidade pública con “menos camas” e “menos dotación” de medios, “máis precariedade” laboral para o seu persoal e “problemas en urxencias” que sofren os pacientes.
Vista a contestación social que están xerando as súas medidas, coma na manifestación que reuniu milleiros de persoas en Santiago e as de índole comarcal, o secretario xeral do PSdeG esixiu a Feijóo que “ten que rectificar”. “Os galegos queren que rectifique e mellore a sanidade pública”, recalcou.
SITUACIÓN EN PONTEVEDRA
En canto a Pontevedra, o líder dos socialistas galegos mostrou a súa “preocupación” pola situación da súa sanidade, pois “nin foi Montecarrasco nin se avanza en Montecelo”. “O PP está mareando a perdiz”, reprobou, en alusión aos cambios de proxecto e aos “plantexamentos pantasma” dos que só se fala cando hai eleccións.