Lamenta a negativa do PP a reclamarlle ao goberno de Feijoo todas as medidas posibles para garantir servizos financeiros aos maiores, ao rural e ás persoas con discapacidade
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, instou hoxe á Xunta a “deixar de ser o aliado da banca para ser o aliado da xente” ante o grave risco de exclusión financeira en moitos municipios de Galicia, sobre todo na zona rural, así como de maiores que non usan a banca electrónica.
Así o defendeu na Comisión de Economía do Parlamento, onde presentou unha proposición non de lei co obxectivo de garantir que o desenvolvemento tecnolóxico “non implique a exclusión de moitos territorios e de tantas persoas”. Tamén chamou á Xunta a facer un diagnóstico e a tomar as medidas necesarias para garantir a accesibilidade financeira e pediulle que se comprometa a que nesta lexislatura ningún concello deixe de ter oficina bancaria.
“Queremos un país de primeira con servizos financeiros de primeira para que ninguén quede atrás”, proclamou. Con ese obxectivo, avogou por que Xunta impulse dentro das súas competencias todas as medidas necesarias para garantir os dereitos financeiros dunha cidadanía galega do século XXI.
Porén, o Partido Popular votou en contra desta proposta, amosando así “a incapacidade e a inoperancia” do goberno galego fronte a un problema no que está “fóra de xogo, ausente e sen capacidade de persuasión moral ante as entidades financeiras”. Fronte a isto, instou á Xunta a “cambiar de chip e poñerse as pilas” para gobernar Galicia e traballar para favorecer ao rural e ás prol das persoas maiores ou con discapacidade, que son as que sofren un maior risco de exclusión financeira.
Nesta liña, o parlamentario do PSdeG censurou que o goberno galego siga “de perfil e ausente á hora de adoptar medidas importantes”. De feito, o único que fixo foi aplicar un plan de tres millón de euros para instalar caixeiros se se pechaban oficinas, o que -máis que solucionar os problemas de exclusión financeira- puido supoñer “un incentivo negativo”.
Na súa intervención, Gonzalo Caballero lembrou que as novas tecnoloxías están mudando os sistemas financeiros, o que implica “enormes vantaxes de conectividade, axilidade e eficacia”, pero que ao mesmo tempo implica “enormes riscos de exclusión financeira”. Esa circunstancia reflíctese de maneira máis evidente naqueles lugares onde a conectividade é máis deficitaria. Tamén afecta de maior maneira a aquelas persoas que polas súas condición económicas, de formación ou de falla de adaptación por razóns de idade ou por causas de discapacidade teñen un maior risco.
Por outra banda, Caballero lembrou que, segundo informes do Banco de España, 2 de cada 3 persoas maiores de 65 anos non empregan habitualmente Internet. A maiores, Galicia “ten un reto máis importante que cubrir” porque hai unha parte do territorio con problemas de acceso ás redes e unha maior proporción de poboación maior. Neste escenario, sinalou que na Comunidade pecharon máis dun milleiro de oficinas dende 2008 e que hai máis de 40 concellos sen elas, polo que “unha porcentaxe da poboación que non ten acceso á banca directa e presencial”.
Por iso, neste escenario no que “pechan oficinas no rural e onde hai unha fenda dixital que implica unha barreira de acceso”, Gonzalo Caballero reivindicou que dende as administracións públicas se tomen “todas as decisións e medidas posibles para loitar contra esa exclusión”. “Temos”, subliñou, “que facelo en distintos ámbitos para evitar falla de accesibilidade dixital e que na Galicia rural non haxa moitos cidadáns, sobre todo maiores ou con discapacidade, que non se vexan rezagados nos seus dereitos financeiros”.
Con este obxectivo, o deputado socialista recordou que no Senado vén de aprobarse unha proposta para que nos próximos tres meses se desenvolva un plan de medidas para garantir a inclusión financeira para persoas vulnerables e maiores. Ao mesmo tempo lembrou o compromiso expresado pola ministra de Economía e vicepresidenta do Goberno, o que fixo que algunhas entidades cambiasen o seu modo de operar, ampliando horarios, reforzando persoal de apoio e comprometéndose a non pechar oficinas naqueles lugares nos que só hai unha.
Fronte a isto, Gonzalo Caballero lamentou que Xunta fose “un convidado de pedra” que non tivo “ningunha capacidade de persuasión moral” ante a banca para que se adoptasen estas decisións. “Non foi quen de sacar o compromiso de non pechar oficinas onde so quedaba unha”, subliñou, “senón que o tomaron as entidades de motu propio” pero cando xa quedaron sen oficina varios concellos no que vai de lexislatura.
Finalmente, Gonzalo Caballero convidou ao PP a “centrarse, xa que están desnortados” debido á recente guerra aberta no seo do Partido Popular. Nesta liña -e tras cualificar de “imperdoable e inaudito” que Feijoo critique que se investigue a corrupción que pode haber no PP- instou á Xunta a deixarse de estar pendente das liortas internas e que se poña a traballar para darlles solucións aos galegos.