O secretario xeral pide a Feijóo “un exercicio de sinceridade” sobre a súa estratexia de pactos coa extrema dereita trala perda de máis de 200.000 votos
Santiago, 20 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou hoxe no Parlamento “os recortes e as privatizacións” postos en marcha por Feijóo ao longo destes 11 anos. “O seu goberno foi corrosivo para o Estado de Benestar”, incidiu, ao tempo que amosou a súa preocupación polo feito de que estas políticas “irán a peor” no caso de que ao PP de Feijóo lle deas as contas para pactar con Vox tralas autonómicas.
“Todos os galegos sabemos que o seu goberno foi un inimigo do público”, sinalou o líder do PSdeG no cara a cara con Feijóo, ao tempo que puxo o foco na falla de profesionais sanitarios, no aumento das listas de espera, na ausencia de prazas en residencias públicas de maiores e en escolas infantís, no cobro dos libros de texto e no peche de centros educativos.
Ademais, Gonzalo Caballero criticou “a visión idílica” que Feijóo tenta trasladar a pesares da “emerxencia sanitaria” que vive Galicia debido á “incompetencia” do goberno galego. “O cómputo global do seu mandato é o esquecemento dos nenos, dos maiores, dos que teñen máis dificultades…”, enumerou, antes de reprocharlle que “vive á marxe da realidade”.
“Tenta trasladar a imaxe dunha Galicia feliz que os galegos xa non lle compran, e por iso perdeu a conexión coa maioría social”, evidenciou o xefe de filas do PSdeG, quen reivindicou que “os socialistas defendemos o público” e advertiu de que os socios do PP son “un risco” para os servizos públicos.
“DE BATACAZO EN BATACAZO”
E despois de que Feijóo asumise “a derrota electoral do PP, que perdeu cinco millóns de votos en España e máis de 200.000 en Galicia”, Gonzalo Caballero reclamoulle “un exercicio de sinceridade” sobre os seus pactos con Vox tras “bendecir” os acordos do PP con esta forza e con Ciudadanos en comunidades como Andalucía.
“Porque esa é a súa liña: se poden, suman, aínda que sexa cun partido neofranquista, machista e xenófobo”, recalcou o secretario xeral do PSdeG, non sen sinalar que “os galegos xa saben que o futuro de Galicia non pode estar en mans de quen está disposto a pactar coa ultradereita”.
Finalmente, ante os insultos proferidos por Feijóo, Gonzalo Caballero asegurou que está “encantado de que non lle guste o meu papel como secretario xeral do PSdeG”. “Entendo que non lle guste, porque neste 2019 vai de batacazo electoral en batacazo electoral”, espetoulle ao presidente.
O líder do PSdeG amosou durante a sesión de control entrevistas de Feijóo en distintos xornais durante a fin de semana nas que recoñecía abertamente que o PP non pode estar contento cos malos resultados electorais. “Feijóo di que non poden estar contentos porque lles faltan cinco millóns de votos en España e el tampouco pode estalo porque lle faltan máis de 200.000 en Galicia”.