O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Conxemar, “unha feira de referencia a nivel internacional con 20 anos de actividade punteira”, un foro no que denunciou que Feijóo “esqueceu a política industrial e os sectores produtivos”.
“A Xunta ten que marcar a folla de ruta”, recalcou o líder do PSdeG, quen esixiu “rectificar a carencia de política industrial” que ten o goberno galego e elaborar “un plan estratéxico sobre o sector industrial vinculado ao sector primario e á actividade transformadora”.
Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, tras coñecer os datos do paro do mes pasado, que poñen de manifesto que Galicia perdeu máis de 200 empregos ao día no que foi o peor setembro dos últimos seis anos. “Supoñen unha chamada de atención moi profunda para Galicia”, advertiu.
Nese contexto, o máximo dirixente dos socialistas galegos reclamou implicación da Xunta para “traballar por que a Galicia do futuro teña máis pulo industrial, máis actividade económica e máis capacidade de xerar emprego”, ao tempo que sinalou que “ninguén sabe” na comunidade “quen é o conselleiro de Industria”.
“É unha mostra de que non hai dirección política nin rumbo, máis alá do traballo inxente que fan os sectores produtivos do país”, engadiu Gonzalo Caballero, para quen casos como o de Conxemar amosan que “onde as cousas van ben” é pola “capacidade de traballo” que existe en Galicia.