O secretario xeral do PSdeG compromete traballo en Europa “por unha política agraria e gandeira que permita darlle máis ingresos ao sector”
Sarria/Baralla, 18 de maio de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou esta mañá a feira de San Isidro de Sarria en compañía da alcaldesa, Pilar López, e denunciou dende alí o “abandono” por parte da Xunta aos concellos e ao medio rural.
“F¡xo política contra os concellos e contra o medio rural”, incidiu o líder dos socialistas galegos, quen sinalou que “a incapacidade de xestión” de Feijóo acaba implicando que os concellos asuman máis traballo do que lles corresponde pese a non contar con orzamentos para facelo.
Aludiu así Gonzalo Caballero ás tarefas de loita contra as plagas ou os incendios, e de atención aos cans abandonados, para facer fincapé en que “a Xunta non cumpre e delega nos concellos” sen axudarlles nin darlles fondos. Por iso, remarcou que “o voto ao PSOE é a favor da boa xestión” fronte ao “incumprimento de Feijóo”.
“Necesitamos concellos socialistas en toda Galicia para seguir modernizando o país en compañía do goberno de Pedro Sánchez”, subliñou o máximo dirixente do PSdeG, ao tempo que recalcou que o éxito nestes comicios tamén será a antesala dun triunfo posterior, nas eleccións autonómicas.
“UNHA PAC BEN DOTADA”
Así mesmo, Gonzalo Caballero pediu coller tamén a papeleta socialista nas europeas, posto que “os socialistas traballaremos por unha política agraria e gandeira que permita darlle ao sector máis ingresos dos que percibe a día de hoxe debido a unha cadea de distribución que actualmente lles prexudica”.
“Apostamos por unha PAC ben dotada e sen renacionalizacións”, defendeu o secretario xeral, “e temos un compromiso claro cunha política europea que poña o centro de atención nas necesidades da cidadanía”.
Nese senso, e co obxectivo de combater a falta de poboación e o abandono do rural, Gonzalo Caballero avogou por impulsar os sectores primarios para “ter actividade económica pegada aos territorios”.
SARRIA
No que atinxe a Sarria, o líder socialista sinalou que Pilar López “representa a capacidade de traballar para o seu pobo” e asegurou que “a Sarria iralle ben cun goberno socialista” que porá “os intereses colectivos por riba dos persoais”.
Proba do seu compromiso coa vila, como recordou, é a feira á que asistiu, que foi “relanzada” polo actual equipo de goberno. “Amosa a capacidade de avanzar”, engadiu Gonzalo Caballero.
Pola súa banda, a rexedora explicou que Sarria “necesita fomentar a industria” e, nese senso, aludiu a un proxecto que se porá en funcionamento “en breve grazas ao compromiso do Ministerio de Fomento”.
“O polígono estaba paralizado polo PP, pero volveuse activar”, puxo en valor Pilar López, consciente de que na actualidade hai “cero metros de solo industrial” no seu concello e “o necesitamos para seguir avanzando” e “para que as empresas non teñan que marchar”.
BARALLA
Un pouco máis tarde, nun mitin en Baralla, Gonzalo Caballero describiu a Jaime González como “o candidato óptimo” para “dar un cambio” a esta vila.
“Para acabar con máis de 30 anos de malas políticas e amiguismos do PP”, argüíu o candidato á alcaldía, quen destacou varias das iniciativas que quere poñer en marcha como un centro de día para atender aos maiores, un aparcadoiro para camións, un edificio público para as asociacións municipais e novas rutas de sendeirismo, así como promocionar a Vía Küning como motor de novas oportunidades económicas.
Ademais, denunciou “a continua discriminación do PP na Xunta cos veciños de Baralla”, que se concreta en que non hai novos investimentos, o centro de saúde non ten médico de garda nin pediatra, non hai cobertura en moitas parroquias do Concello e non hai ningún técnico agrario para atender as demandas do sector primario.