O líder do PSdeG alerta de que unha facultativa chegou a atender nun PAC a 98 pacientes nun só día, o que supón “tres veces máis do que establecen os canons de funcionamento da atención primaria”
O dirixente socialista censura o “cinismo” do PP ao dicir que “non chegan” as vacinas a Galicia ao tempo que Ayuso “garda na neveira” un millón de doses
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, alertou este luns da saturación que está a vivir a sanidade pública e, nomeadamente, a atención primaria, que está “desbordada” ata o punto de rexistrar “por primeira vez” listas de espera que poden chegar ata os 15 días e moitas veces só para ser atendidos por vía telefónica.
“O risco desta quinta onda da covid coincide coa falla de compromiso e de atención que o goberno da Xunta lle dedica á sanidade pública galega”, evidenciou o líder do PSdeG, quen censurou que o goberno de Feijóo optase por pechar 600 camas nos hospitais galegos neste verán e que non se estean cubrindo as vacacións de profesionais dos centros de saúde.
A xeito de mostra da saturación que denunciou na atención primaria, Gonzalo Caballero sinalou que “unha médica de Vigo veuse obrigada a atender nun PAC a 98 pacientes nun so día”, o que supón “tres veces máis do que establecen os canons de bo funcionamento da atención primaria”.
“A atención primaria vese desbordada con persoal insuficiente porque a Xunta non está facendo os seus deberes”, sentenciou, consciente de que Feijóo “non aproveita os fondos que ten” para contratar persoal ata o punto de que “non se están cubrindo as vacacións de persoal sanitario”.
Neste escenario, o responsable do PSdeG deixou claro que “ou fortalecemos a sanidade pública galega ou estaremos avanzando na dirección incorrecta e contraria ao que esixe a situación de pandemia que estamos a vivir”, na que temos hoxe máis de 10.000 contaxiados, máis de 100 hospitalizados e máis de 20 persoas nas UCI por covid.
AS “DISTINTAS CARAS DO PP” CO PROCESO DE VACINACIÓN
Ao fío da pandemia, Gonzalo Caballero fixo fincapé na importancia de “seguir vacinando” e censurou que a Xunta volva plantexar que non chegan vacinas suficientes a Galicia cando “o goberno de España está distribuíndo as vacinas de acordo aos protocolos”.
Ao fío disto, censurou o “cinismo” e a “falla de responsabilidade” do PP ao “dicir que non chegan vacinas, cando todas as que están chegando se distribúen, pero á vez Ayuso garda na neveira da Comunidade de Madrid un millón de vacinas”.
“Sería bo que nesta cita que tiveron Feijóo e Ayuso se puxeran de acordo no que queren facer”, sinalou o máximo dirixente do PSdeG, en relación á “gran aperta do PP máis conservador e rancio que se deron en Compostela esta fin de semana”.
Porque, afondou, “xestionar unha pandemia é xestionar un tempo de corresponsabilidade, pero o PP non está tendo esa corresponsabilidade”, concluíu.
INCREMENTO DO RISCO DE POBREZA
Por último, Gonzalo Caballero alertou sobre o incremento do risco de pobreza nun momento no que os últimos datos do INE amosan que “en Galicia se disparou coa pandemia” e, de feito, “cunha taxa superior á do conxunto de España”, onde os ingresos medios son superiores aos que perciben os galegos en nóminas ou pensións.
É por iso que, incidiu, “é o momento de despregar as políticas sociais que non está facendo a Xunta de Galicia”, como un plan contra a pobreza en Galicia, medidas para impedir a pobreza infantil ou conseguir que os fondos que a Xunta aforra na Risga poidan empregarse como un complemento para o Ingreso Mínimo Vital.
Todas estas cuestións, recalcou Gonzalo Caballero, foron incluídas entre as 350 medidas que o Grupo Socialista impulsou na comisión de reactivación e que recibiron o voto en contra do PP. “O PP non está nin se lle espera”, finalizou.