O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reprobou hoxe “o intercambio de cromos xa fracasados” nas xerencias sanitarias de Vigo e Ourense e sinalou que esta manobra evidencia que Feijóo “é incapaz de xestionar a sanidade pública”.
Ademais, Gonzalo Caballero denunciou “o maltrato” que está inflixindo Feijóo a Ourense, pois despois de impoñer un alcalde que el mesmo considerou “letal” para a cidade, agora sitúa á fronte da sanidade pública desta área “ao xerente co récord de manifestantes”.
Deste xeito, o líder dos socialistas galegos recordou “as históricas mobilizacións” da cidadanía de Vigo en contra da xestión sanitaria de Feijóo e Félix Rubial, así como as folgas en distintos servizos e as dimisións da práctica totalidade dos responsables dos centros de saúde da cidade.
De feito, Gonzalo Caballero interpretou a saída de Félix Rubial de Vigo como “un recoñecemento de culpa” de Feijóo “que chega tarde”, cando a cidadanía xa está “farta” dunha política sanitaria baseada en “recortes e privatizacións”.
Iso si, o máximo responsable do PSdeG lamentou que o seu destino sexa agora Ourense, que leva “catro xerentes sanitarios en catro anos”, o que dá mostra do “desastre” perpetrado por Feijóo tamén no eido sanitario e que deixa falta de camas e profesionais, entre outros problemas.
Así as cousas, Gonzalo Caballero preguntou que lle fixo Ourense a Feijóo para recibir “tanto castigo” e advertiu de que “non pode ser presidente da Xunta quen castiga sistematicamente á terceira cidade de Galicia e a unha provincia enteira”.