Critica a “inacción” da Xunta mesmo despois de que o propio conselleiro de Sanidade recoñecese que a situación nesta comarca “é complicada”
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu hoxe, no Rosal, á concentración para denunciar o desmantelamento da Atención Primaria no Baixo Miño.
“A situación dos PAC e dos centros de saúde do Baixo Miño exemplifica que a Primaria en Galicia está na UCI”, alertou o dirixente socialista ao sinalar a “carencia de persoal sanitario nos centros de saúde” e “os recortes da Xunta do PP” que “están provocando que na Atención Primaria do Baixo Miño, ao igual que noutros lugares de Galicia, tan só se atendan urxencias”.
“Non podemos tolerar que haxa listas de espera na Atención Primaria”, incidiu Gonzalo Caballero tras criticar a decisión do Sergas de restrinxir a actividade sanitaria, durante varios días consecutivos, en 14 centros da área sanitaria de Vigo, entre os que atopaban os de A Garda, O Rosal e Tomiño. “É indecente a situación de precariedade na que Feijóo está deixando a sanidade pública galega que vive de forma permanente saturada e co persoal sobrepasado”, sentenciou.
Ao fío disto, o voceiro socialista criticou a inacción da Xunta mesmo despois de que o propio conselleiro de Sanidade recoñecese que a situación na comarca do Baixo Miño “é complicada”. Malia isto, incidiu, “a Xunta e Feijóo non fan nada”.
Neste sentido, o voceiro socialista urxiu ao goberno galego a “buscar solucións” para “fortalecer” a sanidade pública galega e a Atención Primaria “e máis cando estamos afrontando un mes de xaneiro cun nivel de contaxios incesante” e debido ao cal “o persoal médico dos centros de saúde ten que facer seguimento a decenas de milleiros de galegos e galegas”.
A solución pasa, subliñou, por “mudar a política de recortes de persoal da Xunta” que “debe volver contratar aos máis de 500 profesionais despedidos e elaborar un plan extraordinario de reforzo de persoal”, xa que esta “é a mellor forma de facer fronte ás dificultades que está pasando a sanidade pública galega”.