O secretario xeral insta ao presidente da Xunta a “rectificar” a súa actitude co persoal de CRTVG, ao que amosa “todo o apoio” dos socialistas galegos
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe na manifestación a prol da dignidade dos medios públicos que tivo lugar en Compostela; un foro no que denunciou as “purgas” que está levando a cabo Feijóo contra o persoal da TVG.
A xeito de exemplo, referiu que “se está poñendo en tela de xuízo o dereito ao traballo dunha presentadora por conducir unha gala contra o cancro”. “Feijóo ten que rectificar”, remarcou o líder dos socialistas galegos, para amosar “todo o apoio” do PSdeG a quen “están sufrindo as purgas” do PP.
En paralelo, o máximo representante do PSdeG recordou que “a Televisión de Galicia é a televisión de todos e todas”, de xeito que apelou á cidadanía para reclamar “pluralismo informativo e independencia” nos medios públicos galegos. “Temos que reaccionar ante un ataque á liberdade de expresión”, defendeu.
Dende o convencemento de que se trata “dunha causa de país”, Gonzalo Caballero urxiu “liberdade e pluralismo” para os medios públicos, e instou a Pablo Casado a “chamar á orde” a Feijóo. “O PP non pode falar de liberdade con Feijóo buscando escusas falaces para purgar a traballadores por razóns ideolóxicas”, sentenciou.