O secretario xeral insta ao PP a aparcar “a política de acordos coa ultradereita” e ao BNG a deixar “o seu discurso fatalista” para defender as persoas fronte á crise
Caballero sinala que “os votos dos deputados e senadores socialistas son os que serviron para a rebaixa histórica da peaxe na AP-9, mentres PP e BNG votaron en contra”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este venres Pontevedra en compañía de Maica Larriba, secretaria local do PSdeG, e Tino Fernández, tenente de alcalde, para valorar os Orzamentos Xerais do Estado.
Gonzalo Caballero pediu a PP e BNG que apoien uns orzamentos que “cambian o paradigma do austericidio que aplicou o PP na anterior crise”, cando “se salvaba aos bancos e non ás persoas”. Así, o líder socialista remarcou que “non nos podemos permitir unha fractura social con esta crise”.
Neste senso, criticou que “traballar contra os Orzamentos Xerais do Estado busca o caos, a ingobernabilidade e unha liña de risco para situar ao noso país nunha situación máis débil”. Por iso, urxiu ao PP a aparcar “a política de acordos coa ultradereita e de boicot ao goberno central”, xa que “é o momento de estar á altura das circunstancias e arrimar o ombro”.
Ao fío disto o líder do PSdeG sinalou tamén que o BNG “cometeu un erro histórico apoñéndose aos orzamentos” cun “discurso fatalista, demagóxico e populista”, polo que “ten que rectificar”. Así, destacou que “ata o alcalde de Pontevedra, principal líder municipalista do BNG, recoñeceu que son positivos” e incidiu en que “o discurso das forzas progresistas non pode estar facéndolle o caldo de cultivo ao PP e a Vox”.
O líder socialista defendeu que os Orzamentos Xerais do Estado “permiten defender ás persoas e salvar á xente ante os riscos que implica esta crise”. Así, recalcou que “máis dun millón de galegos verán como os seus ingresos van incrementarse o vindeiro ano, a través das nóminas dos empregados públicos ou das pensións”.
Gonzalo Caballero subliñou a importancia das “políticas progresistas” porque “cando defendemos á xente con gasto social, estamos permitindo que aumente a demanda, o consumo e, deste xeito, tamén a inversión”.
O máximo dirixente do PSdeG destacou tamén o “reto histórico” que supón da bonificación das peaxes da AP-9 cunha inversión de “máis de 63 millóns de euros” nuns orzamentos “expansivos”. En presenza dos senadores socialistas por Pontevedra Modesto Pose e Marica Adrio, remarcou que os votos dos representantes socialistas nas Cortes son os que serviron para a rebaixa histórica da peaxe na AP-9, mentres PP e BNG votaron en contra”.
O secretario xeral dos socialistas galegos lembrou que “o nivel de caída da produción non se recorda en España e en Galicia con esta intensidade dende a Guerra Civil”, o que supón “un risco de desigualdade” que se “está dando no conxunto de Europa”. “Ante a maior crise económica, social e sanitaria que coñecemos, todos temos que estar á altura das circunstancias”, aseverou.
“A XUNTA TEN QUE APOSTAR POLO PÚBLICO”
Por último, Caballero instou á Xunta a “facer efectivos” os anuncios e “sacar a concurso” prazas de emprego público “para aumentar o número de traballadores en sanidade, educación e residencias de maiores”.
Así, o responsable socialista incidiu en que “a Xunta ten que apostar polo público” porque “cando a Xunta non está, son os concellos os que salvan á cidadanía que a Xunta abandona”.
ORZAMENTOS “DEDICADOS A SALVAR ÁS PERSOAS”
O tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, recoñeceu “uns orzamentos moi importantes para Pontevedra”, xa que afrontan “asuntos que viñan estando aparcados, como o nudo de bombeiros ou o investimento para poder rematar a A-52.
Ademais, destacou que están “dedicados a salvar ás persoas” e incidiu en medidas como o Ingreso Mínimo Vital, as bolsas ou o investimento en sanidade “que repercuten na veciñanza de Pontevedra”.