Santiago, 23 de febreiro de 2021. O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, acompañado do voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, mantivo hoxe unha xuntanza con membros do comité de empresa da planta de Alu Ibérica na Coruña (antiga Alcoa) liderados por Juan Carlos López Corbacho, a quen o Grupo Riesgo anunciou o despido.
Tralo encontro cos traballadores, Gonzalo Caballero denunciou a “persecución sindical” por parte dese grupo industrial, como amosa o feito de que foron anunciados os despidos de tres membros do comité de empresa da planta coruñesa. “Cando se ataca deste xeito aos representantes dos traballadores, atácase realmente a todos os traballadores, e non o podemos consentir”, remachou.
En paralelo, o líder socialista reclamou compromiso ao Grupo Riesgo para o mantemento da actividade industrial e do emprego na factoría da Coruña e instou a todas as administracións a colaborar fronte a certas prácticas empresariais que considera que non son admisibles.