O secretario xeral do PSdeG reclama facer contratos estables ao persoal sanitario e recalca que “a lección que sacamos desta crise” é a importancia do sistema público
Santiago, 25 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe á Xunta a consensuar un plan urxente que dea “unha resposta transversal e integral” a dúas materias “fundamentais” nestes momentos de crise a raíz da pandemia do coronavirus e que son competencia autonómica: a sanidade pública e a política social.
En concreto, tras manifestar o seu apoio á Xunta en todas as medidas para facer fronte á propagación do coronavirus e para paliar os seus efectos, o líder dos socialistas galegos fixou as prioridades no aumento do persoal para ambos servizos -e de que conte con contratos axeitados- e na necesidade de ter materiais e infraestruturas suficientes.
“A Xunta ten nos socialistas galegos uns colaboradores leais para unha saída conxunta e vitoriosa desta crise”, asegurou Gonzalo Caballero, e dixo que a súa “lealdade” está “con Galicia” para así deixar claro que sinalará o que non se está facendo “axeitadamente”. Neste punto, dixo que “a lección que sacamos desta crise” é a importancia dos servizos públicos: “Amosa que o estado do benestar é unha garantía”.
Así pois, o máximo dirixente do PSdeG chamou a “mudar” o sistema de contratación de profesionais sanitarios “por días ou por semanas” e a pasar a ofertar “estabilidade”, para así “darlle seguridade aos traballadores e ao propio sistema”. En paralelo, demandou que a Xunta prosiga coas compras de material que lle son propias e para as que ten recursos e conta tamén coa posibilidade de utilizar fondos europeos.
Ademais, Gonzalo Caballero reclamou “unha aposta importante” por aumentar o número de camas hospitalarias dispoñibles “de xeito inmediato”, toda vez que na última década pecharon máis dun millar e que aínda hai partes de hospitais que “non están plenamente operativas”. Así mesmo, requiriu “reforzar e non recortar” os centros de saúde, a fin de que poidan estar preto “dunha poboación diseminada” no territorio.
Canto á política social, o secretario xeral defendeu a contratación de persoal e a dotación de material para as residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional, que atravesan “un escenario de alta complexidade” no que a Xunta ten que actuar “con dilixencia” para garantir a saúde dos profesionais e dos residentes.
MATERIAL DOS CONCELLOS
Finalmente, Gonzalo Caballero subliñou que a Xunta ten que “traballar a carón dos concellos”, que están reclamando “máis material e en mellores condicións” que o que está chegando.
“Os concellos xestionan boa parte das políticas sociais, pero a Xunta ten as competencias e o material que lles envía é insuficiente”, sinalou, ao tempo que apuntou que o persoal municipal acude, por exemplo, aos domicilios dos maiores.
“MÁIS E MELLORES RESPOSTAS”
Finalmente, Gonzalo Caballero aseverou que estas propostas teñen “un ánimo construtivo” fronte a un escenario “non previsible hai tres semanas” e “complexo de xestionar”, máxime tralas políticas postas en práctica nos últimos anos.
Por iso, demandou “máis e mellores respostas” despois de que o goberno de España aprobase “unha resposta sen precedentes” coa mobilización de 200.000 millóns de euros para reforzar os eidos sanitario, social e económico, ademais da investigación.
“A saída ante unha crise tan grave a temos que facer entre todos”, concluíu Gonzalo Caballero, quen puxo en valor a profesionalidade de quen está traballando durante o estado de alarma e tamén a da cidadanía que está “cumprindo escrupulosamente as normas” neste confinamento.