O líder dos socialistas galegos denuncia que Feijóo “só quere comparecer con Casado o próximo domingo para defender o ideario retrógrado do PP en vez de na Cámara para dar conta do que nos preocupa aos galegos e ás galegas”
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe ao goberno da Xunta que “volva das vacacións para darlle unha resposta aos galegos e ás galegas” dunha xestión da sanidade pública que vai “de chapuza en chapuza”, como no colapso da web de autocita ou ao impoñe o certificado Covid sen autorización xudicial, e “de ilegalidade en ilegalidade”, evidenciadas polo Tribunal Constitucional e o TSXG.
Así o dixo na Deputación Permanente do Parlamento, na que o PP negou a comparecencia de Feijóo, que “prefire comparecer con Casado o próximo domingo para defender o ideario retrógrado do PP” e “non do que preocupa” á cidadanía, como a sanidade pública e a desescalada.
O líder dos socialistas galegos sinalou que “queremos estar xuntos fronte ao virus, pero dentro do estado de dereito”, lembrando así o dobre varapau xudicial que recibiu a Xunta no último tempo. Primeiro, recordou, o Tribunal Constitucional tivo que frear a Lei de Saúde e, este mesmo verán, o TSXG paralizou o “pasaporte covid” imposto polo goberno galego.
Neste último caso, lembrou que a Xunta “foise de vacacións sen pedir autorización xudicial” para este medida “e os xuíces tiráronlle das orellas” por pretender impoñer un requisito de acceso á hostalería “saltando os dereitos e liberdades sen autorización xudicial”. Os xuíces tumbaron esta medida logo de criticar que “nin é idónea, nin necesaria nin eficaz”, que “demoniza á hostalería”, que carece de seguridade xurídica e que ademais “non soluciona nada”, segundo os xuíces.
Por iso, urxiu ao goberno galego a levar adiante un “cambio de talante” para restaurar o dano asestado ao sector hostaleiro. “A Xunta ten que acordar coa hostalería medidas para a desescalada, máis alá dun paquete de medidas que eles mesmos interpretan como unha chantaxe”, advertiu o responsable do PSdeG.
Ademais, requiriu unha explicación pública de por que Galicia “é a única comunidade autónoma que estivo esixindo algo ilegal”. “Cómpre que o goberno do PP compareza e goberne, que Feijóo compareza e goberne, que deixe de crear problemas e comece a aportar solucións, e que non sexa parte dos conflitos, senón parte dun acordo para fixar as bases da desescalada”, recalcou.
FEIJÓO, “ESCONDIDO”
O secretario xeral do PSdeG incidiu na necesidade de que Feijóo “compareza, e sobre todo goberne”, logo de demostrar que “esqueceuse dos galegos e das galegas e amosouse fóra de xogo, escondido” en plena quinta onda da pandemia. “Merecemos algo mellor que o que fai este goberno”, resumiu.
“Galicia merece un presidente que responda cando os tribunais rectifican e tumban as súas medidas, que recoñeza diante dos galegos e das galegas os erros das súas medidas declaradas ilegais”, afondou, e sinalou que “é o momento de buscar todas as vías”. “Nós manteremos unha oposición clara a aquelas medidas declaradas ilegais polos xuíces”, engadiu, ao tempo que garantiu o apoio a todo o que signifique “acertar no que queda da pandemia”.
FORTALECER A SANIDADE
Ao fío da resposta fronte á pandemia, Gonzalo Caballero puxo o foco na necesidade de fortalecer a sanidade pública, nun momento no que “están aflorando en todas as bisbarras de Galicia” os problemas existentes.
Aludiu así ás listas de espera de ata 26 días para o médico ou médica de cabeceira e á cantidade de concellos de Galicia que teñen o servizo de Pediatría pechado.
De feito, o dirixente socialista indicou que mentres o goberno galego pecha 600 camas en plena pandemia e deixa sen cubrir baixas, vacantes e xubilacións de persoal sanitario, o Consello de Contas vén de presentar un informe “demoledor” que conclúe que Galicia mantén un investimento en sanidade “moi por debaixo doutras comunidades autónomas semellantes”.
É o caso de Asturias, que destina 250 euros máis por habitante á sanidade pública que Galicia, onde o goberno da Xunta aumentou o 5 por cento o gasto en altos cargos e delegados provinciais, e un 6,75 por cento o gasto en persoal eventual e de gabinete, segundo os últimos datos do informe do Consello de Contas”.